Malva e Clo Plas actúan en Lugo como parte do programa para conmemorar o Día dos Museos

LugoXa
Lugo pon en marcha unha serie de actividades polo Día dos Museos, que se celebra o 18 de maio.
bng_museos_lugo
30 Abr 2024

Lugo pon en marcha unha serie de actividades polo Día dos Museos, que se celebra o 18 de maio. A xornada celebrarase nas salas museísticas municipais “abríndoas á veciñanza e achegando a Lugo a dous grupos novos pero de gran calidade procedentes da provincia de Lugo e de Portugal", explicou a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro.

Ferreiro animou á veciñanza a participar nas actividades, que serán gratuítas e terán lugar no exterior dos museos. Estes espazos permítennos coñecer a historia de Lugo, “desde a época romana ata os nosos días, e son un gran atractivo tanto para as veciñas e veciños de Lugo como para os miles de turistas que ano tras ano visitan estas instalacións".

O Día internacional dos Museos conmemórase anualmente desde o 1977 e ten como obxectivo concienciar sobre a utilidade dos museos como un importante medio para o intercambio cultural, o enriquecemento das culturas, así como para o desenvolvemento da comprensión mutua, da colaboración e da paz entre os pobos.

Como parte do programa lévase a cabo Clo Plas o venres 18 de maio ás 12.45 no exterior do Centro Arqueolóxico de San Roque. Trátase dun proxecto performativo impulsado pola poeta Xiana Arias (letra e voz) e polo explorador de sons Berio Molina (música, percusión e voz). Supón unha das propostas máis radicais e excitantes da creación interdisciplinar galega da temporada, apegada segundo eles mesmos subliñan á oralidade da Fonsagrada.

Música en galego

Dúas voces, dous paus e un rap minimalista con retrousos de vocación popeira de baixa fidelidade. O seu primeiro EP 'bafi' foi gravado e producido polo Hevi. Un traballo tenro e radical atravesado pola oralidade, as historias e a memoria da Fonsagrada. Letras nas que habitan vacas e paxaros, montañas e galletas, lembranzas e casas abandonadas. ‘Paxarín pin pin’ foi o exitoso single de adianto deste primeiro EP.

Pola súa parte, Malva, ensina o seu traballo o venres 18 de maio ás 18:30 no exterior da Sala de Exposicións Porta Miñá. Carolina Viana, natural de Viana do Castelo e residente no Porto, ten a vontade de expor un traballo musical solista dunha inquedanza antiga, a de querer expresarse en nome propio e ter unha voz. Malva é a emancipación de alguén que se di artista, máis que nunca fixo nada soa.

É a emancipación de alguén que a pesar de non ter as ferramentas, as pide emprestadas e grava dentro das catro paredes do seu propio cuarto. É a emancipación dunha dor que foi amor e que flúe, finalmente, nun mar de cancións. Cunha duración de 45 minutos, este concerto pretende convidar ao espectador a reflexionar sobre o estado de inquedanza, dúbida, inseguridade e apego, tan común da nosa especie, e que deu orixe a todo o universo do álbum.

A dimensión da profundidade e verdade presentes neste concerto e no álbum tenlle conferido a apreciación dun público bastante basto, que vai desde pequenos a maiores que aprecian a música, con influencias da Música Popular Brasileira, Música de Intervención Portuguesa e até mesmo do Jazz. Cun ambiente intimista como escenario, case como unha burbulla, créase un universo propio embala ao ouvinte, sendo este somerxido nun universo acústico de reflexión e introspección.

0.18381214141846