Mañá abre ao tráfico o carril do viaduto do Castro sentido Madrid

LugoXa
Mitma amplía a declaración de emerxencia das obras do Viaduto do Castro para reconstruír ambas as calzadas de forma coordinada.
29 Dec 2023

O ministro de Transportes, Óscar Puente, visitou as obras de reconstrución dos viadutos do Castro da autovía A-6 e anunciou que mañá, 30 de decembro, abrirase ao tráfico un carril da calzada sentido Galicia-Madrid, así como que a finais de 2024 o viaduto estará operativo en ambas as direccións.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou xunto co Ministro de Transportes e Mobilidade Sostible na supervisión das obras e o mandatario provincial puxo en valor que o Goberno central cumpriu cos prazos acometendo unha actuación complexa nun tempo récord, e que, como avanzou o Ministro, na primavera estarán abertos os dous carrís en sentido bidireccional, e a finais do 2024 a totalidade dos viadutos estarán operativos.

“Hoxe é un gran día para a provincia de Lugo. Temos que estar satisfeitos todos os lucenses”, subliñou o Presidente, pois “conseguimos que unha parte deste viaduto se poña en marcha, o que evita que parte do tráfico teña que ir pola estrada vella, e en breve, nun prazo de tres meses aproximadamente, como avanzou o Ministro, vai estar aberto totalmente polos dous carrís, polo que recuperaremos a normalidade, o tráfico vai a ser moito máis fluído e as mercancías van ter unha mellor saída de Galicia cara a Meseta e cara o resto de Europa”.

José Tomé incidiu en que “o realmente importante é que hoxe o Goberno está dando conta de xestión, está poñendo en servizo obras que son realidades”, sobre todo “logo de todo o que se leva polemizado con esta obra, por certo, feita na etapa de Goberno do PP, polo tanto, se tiña algúns defectos, había que ver quen foi o responsable, desde logo o Goberno do Partido Socialista, non”, sinalou o mandatario provincial, quen lembrou ademais que a adxudicación tivo no seu día “unha baixa tremenda, superior a un 30%”.

Así mesmo, o Presidente mostrouse convencido de que o Goberno do Estado e o propio Ministro de Transportes “vai ser sensible ás nosas necesidades, e no próximo ano teremos totalmente rematado e en servizo todos os viadutos da A-6, que é o que de verdade importa, máis alá dalgunha critica velada que puidemos escoitar hoxe aquí, por parte de quen ao mellor tiña que dar explicacións de por que están sen facer infraestruturas como a estrada autonómica do Courel, o desdobramento do corredor entre Nadela, Sarria e Monforte, a Vía de Alta Capacidade Costa Norte, o acceso ao porto seco de Monforte ou a Ronda Leste”.

Na visita do Ministro, participaron, entre outras autoridades, o Delegado Goberno en Galicia, Pedro Blanco, a Subdelegada do Goberno na provincia, Isabel Rodríguez, o Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo, e o presidente da Comisión de Transportes do Congreso dos Deputados, José Ramón Gómez Besteiro.

BNG.

O Bloque Nacionalista Galego celebra a apertura do viaduto da A-6, dirección Madrid, en cumprimento do acordo asinado polo BNG para o seu apoio na investidura do Presidente do Goberno. Así mesmo, adianta que estará vixiante para que este punto do acordo se cumpra de maneira total xa que estabelece que “no tramo sentido A Coruña porase en funcionamento antes de que termine o ano 2024”. Alén do máis, da Silva e Rego poñen en valor o traballo realizado na anterior lexislatura aprobando unha moción no Congreso que provocou a revisión e o arranxo de infraestruturas con procesos construtivos idénticos aos empregados nos viadutos da A6.

No acordo asinado entre BNG e PSOE para a investidura, comprometíase o estabelecemento dun plan plurianual 2024-2028 de actuacións urxente na rede viaria galega. No concreto, unha das medidas era que “o Goberno axilizará a execución dos traballos no tramo sentido Madrid do viaduto do Castro, na A6, que quedará finalizado este ano”. Neste sentido, o BNG celebra que o Goberno estea cumprindo o acordo e avanza que estará atenta para que “no tramo sentido A Coruña, se poña en funcionamento antes de que termine o ano 2024”.

Rego e da Silva lembran que, desde que o viaduto colapsou, a actividade do BNG no Congreso na pasada lexislatura foi intensa: de preguntas ao Goberno, a solicitudes de informes pasando por unha interpelación e unha moción aprobada no pleno. Froito desta moción foi polo cal se comezaron a revisar as infraestruturas que tiñan as mesmas características no proceso construtivo que os viadutos colapsados. De facto, foron varios os viadutos galegos obxecto de arranxos, como os viadutos da A-52 ao seu paso por Allariz ou Ourense.

0.1195662021637