Mañá abre o prazo para participar nas Aulas Abertas do Concello de Lugo

LugoXa
A área de Benestar ofrece medio millar de prazas para favorecer a conciliación familiar no verán a través do programa Aulas Abertas.
Aulas Abertass
5 Xuño 2022

O Concello de Lugo abre este luns o prazo para solicitar as Aulas Abertas. Unha prestación municipal, posta en marcha pola área de Benestar Social, dirixida por Olga López Racamonde, que pretende facilitar a conciliación da vida familiar e laboral durante o verán.

“O obxectivo é habilitar recursos públicos para as familias, favorecendo a súa organización durante as vacacións estivais mentres as súas crianzas liberan tensións, saen da rutina diaria e obteñen diversión gozando de momentos de lecer e socialización dunha forma pedagóxica e construtiva”, explicou Olga López.

A concelleira de Benestar referiu que as actividades se levarán a cabo nos centros de convivencia da capital (Fingoi, Lamas de Prado, María Balteira, Uxío Novoneyra, Milagrosa e Maruja Mallo), en horario de 08:30 a 14:30 horas e por quincenas: do 1 ao 15 e do 18 ao 29 de xullo e do 1 ao 12 e do 16 ao 31 dese mesmo mes, e que tamén chegarán ás escolas do rural onde, nestes momentos, o departamento está a detectar as necesidades actuais.

As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude até o 10 de xuño de tres maneiras: de forma presencial – solicitando cita previa co animador/a do centro, por correo electrónico - a través do enderezo aulasabertas@lugo.gal - ou ben a través da sede electrónica www.lugo.gal

A adxudicación das 480 prazas, 20 por cada centro e quenda, será por orde de inscrición e a cota oscila, en función do número de días, entre os 9’27 € - da quincena do 18 ao 29 de xullo que é a máis breve – até os 12’36€ que custa a última de agosto.

O Concello contempla bonificacións do 50% para o segundo fillo mentres que o terceiro quedará exento, "previa xustificación e sempre que os ingresos da unidade familiar ou de convivencia non superen dúas veces o IPREM do ano 2021, salvo situacións económicas sobrevidas”, indicou a edil.

As listas de admitidos provisionais sairán publicadas o próximo 17 de xuño e as definitivas o 27.

0.19057011604309