Mañá abre o prazo para solicitar os hortos urbanos do río Rato
A Deputación de Lugo abrirá mañá, 2 de novembro, o prazo para que as persoas ou entidade interesadas en optar a algún dos 41 hortos urbanos que quedan dispoñibles no Paseo do Río Rato formulen a súa solicitude. Así o recolle o Boletín Oficial da Provincia (BOP) deste sábado, onde se especifica toda a documentación que é necesario presentar para formalizar a petición dunha parcela.
O prazo para a presentación de solicitudes é de 10 días hábiles a contar dende mañá martes, polo tanto, rematará o vindeiro 15 de novembro. Os beneficiarios terán dereito a utilizar os hortos de maneira gratuíta durante un período de dous anos.
A adxudicación farase a través dun proceso de concorrencia competitiva no que primarán criterios sociais, como estar en situación de desemprego, ser representante dun centro educativo ou traballar para un colectivo social, entre outros. Os usuarios e usuarias deben ser persoas físicas ou representantes de asociacións e ser veciños do concello de Lugo ou dalgún municipio limítrofe.
Ademais de no BOP, pódese consultar máis información na web da Deputación: http://www.deputacionlugo.gal/gl/temas/medioambiente/hortosrato.
A Deputación de Lugo dispón dun total de 150 hortos neste espazo público que pon ao servizo da cidadanía para o seu uso, cunha actividade de lecer que fomenta o interese pola agricultura ecolóxica, a concienciación no coidado do medio ambiente e, ao mesmo tempo, permiten realizar actividades ao aire libre e en familia.
Para contribuír a estes obxectivos, a institución provincial ofrece un servizo de dinamización dos hortos urbanos, que asesora aos usuarios e usuarias en temas relacionados coa horticultura ecolóxica e a xestión de recursos, materiais e maquinaria que a Deputación de Lugo pon á súa disposición para o cultivo dos terreos.
Coas 41 parcelas que quedarán adxudicadas no novo proceso para o que se abre o proceso de solicitude mañá, quedarán concedidos o total de 150 hortos urbanos que a Deputación ten habilitados no Rato, posto que xa se adxudicaron 109.