Mantense aberto o prazo de inscrición para programa de conciliación Aprende Xogando
Segue aberto o prazo de inscrición para o primeiro trimestre do programa Aprende Xogando, destinado a nenas e nenos de 4 a 12 anos empadroados na cidade. A edil Ángeles Novo explicou que este programa busca facilitar a conciliación laboral, familiar e persoal, ofrecendo apoio específico ás mulleres para mellorar o seu acceso ao mercado laboral.
O prazo de inscrición para os meses de outubro, novembro e decembro continuará aberto ata o venres. O programa, que se desenvolverá en tres locais municipais —nos centros de convivencia de Maruja e Uxío Novoneyra, e na nave de Vías e Obras do parque da Milagrosa—, ofrecerá horarios adaptados para facilitar a conciliación.
Durante o período lectivo, o horario será de 16:00 a 20:30 horas, e nas vacacións escolares, tamén se ofrecerá horario de mañá, de 9:00 a 14:00 horas. As solicitudes poden realizarse a través do seguinte enlace: Programa Aprende Xogando e deben enviarse ao correo electrónico aprendexogando@lugo.gal, xunto coa documentación indicada nas bases do programa. A edil Ángeles Novo subliñou a importancia deste programa como unha ferramenta clave para a conciliación familiar e laboral, beneficiando tanto aos menores como ás unidades familiares en Lugo.