Manuel Chousa, do Pan do País: “A diferenza é que facemos un produto como se facía antes, con máis calidade”

LugoXa
Manuel Chousa Maciñeiras é xerente e promotor da empresa O Pan do País, que ten un muíño onde fan pan
Panadería-Muíño-Pan-do-País-Lugo
5 Jan 2025

Jessica Fernández

Como xorde o negocio do Pan do País?

O Pan do País xurdiu arredor do ano 2003 pola decisión dun grupo de amigos que decidiron montar un local de hostalería ao que incorporaron a parte de panadería de forma artesanal, promovendo a elaboración do pan do país de Galicia.

Como foi a evolución do comercio?

Ao principio é difícil, como todo. Primeiro puxemos en marcha o local en Fontiñas, que segue aberto, e pouco a pouco fomos montando outros. Na actualidade contamos con tres locais: ademais do de Fontiñas 105, temos a Cafetería As Gándaras, onde temos despacho de panadería e agora incorporamos o Mamá Lisa fronte á residencia das Gándaras, que reformamos o local para facelo unha hamburguesería e cervexería.

Ademais, tamén temos un lugar onde facemos o noso pan e as empanadas, que é a Panadería Muíño de Castelo, que se atopa en Guntín, onde elaboramos o noso pan do país de maneira artesanal e onde temos proxectado no futuro facer visitas para as persoas interesadas en ver non só o muíño, senón tamén o proceso de elaboración do pan no noso forno de leña e de maneira tradicional, como o facían os nosos avós.

Que produtos ofrecen?

O pan do país, pan de mestura, barra artesá, empanadas e ademais temos pastelería, que non é de fabricación nosa, pero tamén o ofrecemos. Facemos encargos de todo tipo para as persoas que o requiran ou entidades. Ademais, nos locais temos servizo de panadería, agás en Mamá Lisa, que por agora non incorporamos despacho de panadería, pero é a intención futura.

Que ten de especial o pan do país con respecto a outros?

O pan do país, a diferenza é que facemos un produto como se facía antigamente. Pan en Lugo haino bo, pero nós procuramos facelo como se facía antigamente, con máis calidade, procurando traballar con fariñas de aquí e fomentando o pan galego, cunha humidade concreta que fai o pan máis resistente, é dicir, se comes o pan hoxe e quédache para mañá, mañá vai estar igual de bo, non como outros tipos de pan que mañá xa non hai que os coma. Así, cos muíños facemos a fariña que logo amasamos de maneira lenta para facer o pan. Non facemos produción en masa, como nas fábricas, que amasan 15 minutos, nós amasamos unha hora, e tamén temos un tempo maior de repouso do amasado, o que fai que mellore a calidade do pan.

Como é o trato co cliente?

Nós temos un cliente moi fiel, que é de todos os días. Non é xa incluso un cliente, é un amigo co que xa tes confianza e sabes o que quere, o que necesita e canto. Hai unha confianza total da xente que coñecemos que quere o noso pan e iso, ademais de mostrar a calidade do noso produto, indica que está contento co trato que se lle dá.

Como é o traballo?

Nós agora na empresa temos 24 persoas traballando. Os horarios dependen de cada local e na panadería trabállase de 23.00 a 04.00 horas. O que para nós é importante é que a xente que traballa aquí estea contenta, porque son, en xeral, traballadores de moitos anos cos que temos boa relación e os coidamos, xa que a situación no sector tampouco é boa e é difícil atopar nova man de obra.

Cales son, entón, as necesidades actuais?

O gran problema que temos todos os hostaleiros é persoal, non xa porque estean cualificados, senón simplemente que veñan con ganas de traballar. Nós temos sorte porque mantemos aos nosos traballadores desde hai moitos anos, pero tamén somos conscientes de que as condicións que ofrecemos son boas. Ninguén pasa das 7 horas traballando e coidamos que estean contentos e cómodos na empresa.

Teñen en mente algún proxecto de futuro?

Ademais das visitas á panadería Muíño de Castelo, tamén pensamos en engadir algún produto, como algún alimento distinto para facer as empanadas tradicionais. Estamos experimentando para poder sacar ao mercado máis. Con respecto a máis locais, aínda non pensamos niso. Eu xa teño unha idade e non quero meterme en máis cousas, non sei se, incluso, a miña filla, quererá seguir co proxecto da empresa.

0.14606404304504