Manuel Fernández, de Alume: “Hoxe en día ninguén ten por que agochar que pide axuda psicolóxica”

LugoXa
Manuel Fernández Prado, presidente da Asociación Alume Saúde Mental de Lugo, lembra o traballo destes 30 anos en favor das persoas con enfermidade mental e as súas familias
Alume-30-anos-celebración
16 Nov 2025

Jessica Fernández

A asociación ALUME naceu o 18 de outubro de 1995 froito da iniciativa dun grupo de familiares de persoas con enfermidade mental e profesionais da saúde mental de Lugo, que decidiron unirse para reclamar máis servizos de rehabilitación e unha maior atención sanitaria e social. O seu obxectivo principal era concienciar á sociedade sobre os problemas e necesidades das persoas con trastornos mentais e das súas familias, ao tempo que se loitaba polo incremento dos recursos asistenciais nunha provincia que, daquela, contaba cunha situación “moi deficiente, tal e como lembra o presidente, Manuel Fernández.

A realidade sanitaria da provincia de Lugo en 1995 era moi limitada. “Daquela había só dúas unidades de saúde mental ambulatorias e unha unidade de agudos con quince prazas, e iso era todo o que había na provincia. O psiquiátrico de Castro estaba pechado para ingresos e non existían servizos de rehabilitación nin de seguimento. A situación en Galicia e, particularmente en Lugo, estaba moi mal, por iso xurdimos nós, para reivindicar eses servizos, para concienciar sobre a saúde mental e rachar co estigma que afectaba e aínda afecta a quen padece estas enfermidades”, explican dende a asociación.

Dous anos despois da súa fundación, na primavera de 1997, ALUME viviu un punto de inflexión. A Xunta de Galicia propúxolle poñer en marcha un Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral financiado pola administración autonómica, pero xestionado integramente pola asociación. “A nosa intención inicial non era converter ALUME nunha entidade prestadora de servizos, pero decidimos aceptar o reto. Era a única maneira de conseguir dotacións que a Administración non estaba disposta a crear por si soa, e tamén de manter viva a nosa actitude reivindicativa”, sinalan.

Grazas a aquel impulso, a entidade puido poñer en funcionamento pisos protexidos e un centro de rehabilitación laboral que continúa operativo hoxe en día. “Na actualidade temos 65 prazas en Lugo e outro centro en Guitiriz con 15 prazas, ademais de cinco pisos protexidos. Todo isto é posible grazas a un concerto coa Consellería de Sanidade”, explican con orgullo.

Os avances na rede asistencial da provincia, como o peche definitivo do antigo hospital psiquiátrico de Castro, a posta en marcha das instalacións de Calde, o incremento de dotacións no HULA e nas unidades de saúde mental, ou a creación do Hospital de Día, non cubriron por completo as necesidades existentes, pero melloraron notablemente a situación respecto dos anos noventa.

“Cremos que a percepción social sobre as enfermidades mentais cambiou moito nestas tres décadas. Aínda queda camiño por percorrer para eliminar o estigma, pero hoxe as persoas e as familias que sofren a aparición dun trastorno deste tipo teñen onde acudir, atopan profesionais formados e experimentados, e tamén compañeiros de loita que lles ofrecen información, apoio e consolo”, destacan desde ALUME.

“Hai que seguir loitando pola atención das persoas que sofren estas enfermidades máis complexas”

O ESTIGMA

Manuel Fernández sostén que nos últimos anos se produciu un cambio social importante na percepción da saúde mental. A pandemia serviu como punto de inflexión para abrir o debate e favorecer unha maior conciencia sobre esta realidade. “A nivel social houbo un gran cambio a partir da pandemia, hai moita máis conciencia sobre a saúde mental, e o proceso de desestigmatización colleu un pulo importante”, explica.

Ademais, desde a entidade salientan que o cambio social no modo de falar da saúde mental tamén contribúe a que máis persoas se atrevan a pedir axuda. “O feito de que abertamente se estea falar de acudir a unha consulta de saúde mental axúdanos moitísimo, porque permite que unha persoa que realmente o precisa por un problema de comportamento poida plantexalo e acudir a un profesional”, afirman. “Iso era un atranco ao principio: a resistencia a pedir axuda. Aínda segue a pasar, moitas veces por orgullo e por estigma. Negámonos a recoñecer que necesitamos axuda”, engaden.

Con todo, tamén advirte de que esta nova visibilidade leva consigo certos riscos. “Hoxe en día ninguén ten por que agochar que pide axuda psicolóxica ou psiquiátrica, e iso é un gran avance, pero tamén é certo que este foco de atención pode banalizar o problema”, apuntan. Desde ALUME lembran que o espectro das enfermidades mentais é moi amplo e abarca desde trastornos máis leves, como a ansiedade ou a depresión, ata patoloxías graves e crónicas, como os procesos psicóticos, a esquizofrenia ou o trastorno bipolar. “Cando se crea unha burbulla arredor dos casos leves, corremos o risco de tapar os casos máis graves, e hai que seguir loitando pola atención das persoas que sofren estas enfermidades máis complexas”, subliñan.

O traballo da asociación céntrase, precisamente, neses casos máis severos. “Nós atendemos, sobre todo, casos psicóticos, casos crónicos que cursan cunha incapacidade laboral e social”, explican. Para dar resposta ás necesidades destas persoas, ALUME desenvolve diferentes servizos de apoio e acompañamento, como os pisos protexidos, que ofrecen un entorno estable e seguro. “A enfermidade produce desarraigo e moitas veces problemas para a convivencia, por iso os pisos protexidos son fundamentais para garantir unha vida digna e integrada”, engade

OS SERVIZOS

Desde ALUME trabállase para promover a recuperación e a inclusión social e laboral das persoas con enfermidade mental, mellorando a súa atención e calidade de vida. A entidade tamén defende os seus dereitos e intereses, actuando como punto de apoio para usuarios, familiares e amizades.

Un dos programas prioritarios é o de Primeiros Episodios Psicóticos, que busca actuar de forma temperá cos máis novos para evitar o avance da enfermidade. A asociación desenvolve tamén servizos de rehabilitación psicosocial, orientados a fortalecer a autonomía persoal e a integración na comunidade.

Os pisos protexidos ofrecen apoio a unha vida independente, mentres que a atención no rural combate o illamento e promove a dignidade das persoas que viven en zonas máis afastadas.

Ademais, ALUME participa nun programa de rúa xunto coa Cruz Vermella para intervir con persoas sen fogar e con trastorno mental grave, e colabora no programa de intervención en prisións impulsado por FEAFES Galicia e a Fundación Barrié. A isto engádese un programa específico de atención en situacións de risco suicida, que ofrece acompañamento e apoio emocional.

O FUTURO

“O proxecto de futuro máis importante é a cesión por parte da Xunta do antigo edificio de Aspnais para facer un centro integral de atención á saúde mental, e existe a idea de que sexa Alume quen o xestione”, explican desde a asociación. “Estamos esperando á licitación, e iso cambiaría moito a nosa realidade, porque suporá unha ampliación de servizos e tamén de responsabilidades”, engaden.

A Xunta de Galicia anunciou o pasado mes de xaneiro que destinará 3,6 millóns de euros á reforma completa do inmoble, que será adaptado para acoller este novo servizo. Segundo informou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, durante a presentación do anteproxecto, o edificio estará operativo en 2027. O primeiro paso será a licitación da redacción do proxecto.

O novo centro situarase nunha parcela de 9.000 metros cadrados e contará con tres plantas nas que se combinarán un centro de día, un centro residencial, unha área social e diferentes zonas polivalentes de uso común. En total, disporá de 80 prazas concertadas de atención residencial e diúrna.

Desde ALUME subliñan a importancia deste proxecto, que “sería un gran salto adiante ao reunir nun mesmo espazo os servizos que temos; iso facilitaría moitísimo o traballo e a atención ás persoas usuarias. Para nós sería o soño cumprido: poder ofrecer unha atención integral e coordinada, nun espazo pensado para dignificar a vida das persoas con enfermidade mental e as súas familias”, conclúen desde a asociación.

⚙ Configurar cookies
0.076127052307129