Manuel Ignacio Piñeiro Piñeiro recibiu a Medalla de Ouro da Fundación Amigos de Galicia

LugoXa | TerraChaXa
O alcalde de Outeiro de Rei, José Luis Pardo, felicitou ao homenaxeado destacando o seu nomeamento como Chairego do ano
Medalla-de-Ouro-a-Manuel-Ignacio-Piñeiro-Piñeiro
5 Out 2024

A Fundación Amigos de Galicia fixo entrega, na Casa da Cultura de Outeiro de Rei, da Medalla de Ouro a Manuel Ignacio Piñeiro Piñeiro “Pallín”, unha distinción que outorga a entidade ás persoas que contan cunha longa traxectoria na mesma.

Con esta distinción, a entidade quixo recoñecer ao homenaxeado a súa traxectoria como voluntario e patrón desde 1993 e desde o ano 1996 como voluntario e coordinador xunto con outros compañeiros na repartición de axudas de emerxencia que a entidade vén realizando con carácter mensual en colaboración con concellos da provincia de Lugo.

Por este labor e a proposta destes, Outeiro de Rei, Abadín, Castro de Rei, A Pastoriza e Cospeito, recoñecérono nomeándoo “chairego do ano” no ano 2012. Así mesmo, tamén participou como voluntario noutros eventos, tanto de índole cultural como deportivos organizados pola Fundación Amigos de Galicia na provincia de Lugo.

Foi coordinador de Auxilia Lugo desde o ano 2003 ao ano 2016, estando baixo as ordes do Pai Mato. Durante o seu período como coordinador desta, xunto con outros compañeiros e directiva, cambiaron leis/normativas rompendo coas barreiras de accesibilidade vixentes para as persoas con discapacidade, sendo o Mesón Lubre o primeiro en eliminar as devanditas barreiras no seu restaurante.

O acto estivo presidido polo alcalde de Outeiro de Rei, José Luis Pardo, acompañado polo presidente da Fundación Amigos de Galicia, o doutor Ramiro Varela, e no cal interviñeron Antonio Fernández, propietario do Mesón Lubre, o cal felicitou a Manuel Ignacio Piñeiro Piñeiro pola súa contribución na integración de normativas de accesibilidade para as persoas con discapacidade en Lugo e polo apoio prestado á fundación no seu labor de axuda ás persoas máis desfavorecidas da nosa sociedade; Ramón Porto, o cal resalto a figura de Manuel Ignacio Piñeiro Piñeiro como unha persoa comprometida coas persoas que máis o necesitan, en especial coas persoas maiores e os nenos/as, así como en ámbitos como a cultura e o folclore.

Pechando o acto, o alcalde de Outeiro de Rei, José Luis Pardo, felicitou ao homenaxeado destacando o seu nomeamento como Chairego do ano, no que facilitou a execución da proposta, e á entidade polo seu labor en beneficio das persoas máis vulnerables, en especial polo seu apoio ao Concello de Outeiro de Rei desde hai 25 anos.

O presidente da Fundación, o doutor Ramiro Varela, na súa intervención, falou do labor que fai a entidade e da axuda prestada a persoas vulnerables no ámbito académico, resaltando actuacións como a dunha adolescente que recibía malos tratos por parte da súa nai pero grazas á axuda da fundación puido terminar a carreira de medicina e agora está no seu último ano de MIR; outro caso dunha moza que se lle pagaron as matrículas da carreira ademais de axudala cos gastos na vivenda e manutención, entre outras.

Para finalizar o homenaxeado, Manuel Ignacio Piñeiro, emocionado, deu as grazas aos presentes, sentíndose moi agradecido polas mostras de agarimo.

0.19837212562561