Manuel Quiñoá Dacal preséntase á reelección para presidir CCOO na Comarca de Lugo

LugoXa | TerraChaXa
Un dos seus principais obxectivos para este novo mandato é achegar a organización á xente moza, un colectivo especialmente afectado pola precariedade laboral
Manuel-Quiñoá-Dacal-CCOO-Lugo
5 Mar 2025

Manuel Quiñoá Dacal, actual secretario xeral do sindicato Comisións Obreiras (CCOO) na Comarca de Lugo, confirmou que se presentará á reelección para un segundo mandato.

A súa decisión foi comunicada aos órganos internos do sindicato, tanto á Comisión Executiva como ao Consello comarcal.

A candidatura de Quiñoá xa conta co respaldo necesario para presentarse, xa que conseguiu os avais requeridos, e á espera de posibles outras candidaturas que se poden presentar ata o mesmo día do congreso comarcal, que terá lugar o venres 7 de marzo.

Neste Congreso sairá a nova dirección da Unión Comarcal de CCOO de Lugo, que inclúe a secretaría xeral, a comisión executiva e os delegados que representarán á organización no Congreso Nacional, que se celebrará en Santiago os días 15 e 16 de maio.

Quiñoá, que terminou o seu primeiro mandato de catro anos, pretende dar continuidade ao proxecto iniciado e seguir fortalecendo o sindicato na comarca.

Un dos seus principais obxectivos para este novo mandato é achegar a organización á xente moza, un colectivo especialmente afectado pola precariedade laboral.

No contexto político actual, marcado por un importante auxe de movementos reaccionarios e autoritarios, Quiñoá subliña que a organización sindical se fai máis relevante que nunca para defender os dereitos laborais e sociais. No seu discurso, destaca a importancia da participación nas asembleas, a mobilización nos centros de traballo e a creación de redes de apoio para frear o avance da ultradereita e garantir un sindicalismo combativo e democrático.

Quiñoá tamén recalca que este é o momento ideal para reforzar CCOO desde a base e demostrar que, con solidariedade e acción colectiva, é posible facer fronte ás ameazas contra os dereitos da clase traballadora. "A historia ensinounos que fronte á ofensiva neoliberal e o discurso do odio, a resposta é moito antifascismo, moita democracia e moito sindicato", afirma.

A súa reelección está aínda aberta a posibles novas candidaturas, pero Quiñoá continúa o seu compromiso de seguir liderando un sindicato forte, unido e decidido a defender os dereitos dos traballadores e traballadoras na Comarca de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.69701194763184