Manuel Rei Romeu destaca a débeda de recoñecemento con Castelao no 75 aniversario do seu falecemento

O escritor e divulgador Manuel Rei Romeu destacou na conferencia organizada polo BNG e a Fundación Galicia que, 75 anos despois da súa morte, existe aínda unha débeda de recoñecemento con Castelao. Insistiu na necesidade de difundir a súa figura na súa integridade, resaltando o seu papel como nacionalista. O acto, enmarcado dentro do programa do Ano Castelao, reivindicou a súa condición como primeiro presidente de Galicia.
A conferencia, celebrada no Centro Cultural Uxío Novoneyra de Lugo, contou coa participación da concelleira Maite Ferreiro, que destacou a amplitude do programa que o BNG está a desenvolver en todo o país con motivo do Ano Castelao, sinalando que "é necesario difundir a súa figura na súa integridade, a inmensa dimensión dese brillante artista, escritor e investigador que, segundo el mesmo dicía, era fundamentalmente político".
Na súa intervención, Rei Romeu destacou a importancia de centrarse no pensamento de Castelao, que vertebra toda a súa obra coa defensa dos dereitos e o amor a Galicia. Lamentou que "se continúe intentando distorsionar a súa figura, ocultando ou negando a súa clara condición nacionalista, o que demostra que o seu legado segue sendo incómodo".
Por iso, reivindicou "o seu legado político, a súa brillante obra e a súa traxectoria de compromiso co noso país, que deben ser unha guía para seguir defendendo os nosos intereses, os das clases populares e as loitas de liberación nacional no mundo, enfrontándose á orde internacional imposta polas grandes potencias colonizadoras, a grande lección que nos deixou".
O BNG e a Fundación Galicia están a desenvolver un amplo programa de actos centrados na traxectoria de Castelao, considerado "unha das principais figuras da nosa historia, fundamental para entender o nacionalismo actual". Figuras como Francisco Rodríguez, Pilar García Negro, Marta Dacosta ou Xoán Carlos Garrido Couceiro participan nun ciclo de conferencias por todo o país, xunto con outras iniciativas de promoción e difusión neste 75 aniversario do seu falecemento.
Os organizadores recoñecen a Castelao como unha referencia fundamental para o proxecto político e ideolóxico do nacionalismo, indispensable para comprender a historia de Galicia e un líder de integridade única. "O nacionalismo galego tivo desde a súa reorganización unha guía clara no seu maxisterio e no seu libro Sempre en Galicia, coa defensa da necesidade de crear organizacións propias e a urxencia de ampliar as bases ata construír un gran movemento de masas, o mesmo obxectivo que impulsaba o Partido Galeguista de Castelao e Bóveda".
Así, subliñan que Castelao é unha figura clave sen a cal o nacionalismo galego non sería hoxe o proxecto transformador de defensa de Galicia que é. Seguindo a súa ensinanza, lembran a súa frase: "o verdadeiro heroísmo consiste en converter os anhelos en realidades, as ideas en feitos".