Manuela López Besteiro, María Teresa Portela e a UPA recibirán a Medalla Emilia Pardo Bazán

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución pola que a Xunta de Galicia concede a Medalla Emilia Pardo Bazán á política galega e ex conselleira, Manuela López Besteiro; á deportista olímpica María Teresa Portela Rivas; e á Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA), encargada da protección das mulleres vítimas de violencia de xénero.
A Medalla Emilia Pardo Bazán é un recoñecemento ao labor que desenvolven as persoas e institución premiadas a prol da igualdade de xénero entre mulleres e homes en Galicia. Este galardón foi creado pola Xunta no ano 2019 para conmemorar publicamente todas as accións que contribúen á sensibilización social e a dar visibilidade ao talento das mulleres e de todas as entidades comprometidas coa eliminación da discriminación de xénero e a construción dunha sociedade máis igualitaria.
Este recoñecemento leva o nome de Emilia Pardo Bazán, muller precursora na defensa dos dereitos das mulleres e do feminismo, así como do acceso á educación das mulleres, ideas que trasladou á súa obra literaria.
Nesta ocasión, o xurado distingue a Manuela López Besteiro, política galega nacida en Castroverde que exerceu de conselleira de Familia, Muller e Xuventude entre os anos 1993 e 2002, nunha época na que desenvolveu un labor fundamental para reivindicar os dereitos das mulleres e dar visibilidade á importancia da conciliación e da corresponsabilidade como garantía dunha sociedade máis igualitaria.
Outro dos tres recoñecementos, recaerá en Teresa Portela, padexeira olímpica galega. Esta deportista é todo un referente consolidado na defensa dos dereitos das mulleres e á hora de dar visibilidade ao papel do deporte feminino. O seu esforzo e dedicación ao longo destes anos, rompendo barreiras sociais, amosa ás novas xeracións a importancia da igualdade en todos os eidos da sociedade.
Pola súa parte, a Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA) é a encargada de dar protección ás mulleres vítimas de violencia de xénero e que forman parte do sistema Viogen. Deste xeito, preténdese recoñecer o traballo que desenvolven cada día acompañando a todas estas mulleres e representando un papel destacado tamén na súa recuperación.