Mar Carballas Piñeiro incorporarase mañá 27 de xaneiro ao Grupo Popular do Concello de Lugo
O Grupo Popular vai incorporar mañá ao equipo do Concello de Lugo a Mar Carballas Piñeiro que pasará a ocupar a vacante que deixou o que foi durante os últimos anos o responsable da zona rural, Manuel López. A nova concelleira tomará posesión na sesión ordinaria do pleno telemático que está convocado para este xoves.
Mar Carballas Piñeiro é licenciada en socioloxía e ten un máster de Recursos Humanos. Participou de forma activa en Novas Xeracións e posteriormente pasou a formar parte da xunta directiva local e provincial do PP. En canto a súa experiencia laboral, actualmente traballa nunha asesoría encargada de temas laborais.
O voceiro do Grupo Popular Ramón Carballo explicou que “a nova edil apoiará ao Grupo Municipal no control dos asuntos relacionados co emprego, a fiscalización e a revisión de acordos e tramitacións do goberno municipal”. O voceiro popular explicou que “queremos endurecer o control dos fondos europeos e analizar co máximo detalle todos os programas relacionados con Europa”. “Está claro que hai que atar en curto á alcaldesa e profundizar en todo o que está gastando sen sentido”.
Por outra banda, o voceiro popular explicou que a entrada no Grupo Municipal de Mar Carballas implicará tamén “axustes” na organización da cobertura da zona rural de Lugo que era competencia do concelleiro finado Manuel López. “Non haberá un substituto como tal” e aclarou que “nós xa puxemos en marcha un equipo formado polos concelleiros Óscar Poy e Rafael Pérez que, coordinados polo vicevoceiro Antonio Ameijide, xa están a traballar para reforzar e ampliar a estrutura do partido nas 54 parroquias do municipio”.
Carballo afirma que “como bo coñecedor que son do rural, de onde eu veño, sei que as súas xentes valoran o esforzo, a prudencia e a cordialidade” engadíndoo que “hai moitos colaboradores do Partido Popular dispostos a axudarnos para cambiar o goberno do concello”. O voceiro popular explica que “os veciños e veciñas das parroquias están cansos dos contos do Green Vancouver cando a súa realidade é que teñen que soportar vertedoiros incontrolados; que carecen de saneamento e abastecemento; que teñen as cunetas sen limpar ou as estradas intransitables; que non poden conseguir licenzas para reformar ou construír explotacións agrarias ou que tardan anos en conseguir licenzas para facer unha casa na súa propiedade iso por non falar das parroquias afectadas polo 5% do PXOM que segue bloqueado;”.
Ramón Carballo avanzou “que nas próximas semanas completaremos o percorrido de todas as parroquias do municipio para consolidar o equipo e incorporar novos colaboradores” matizando que “tralo falecemento de Manuel López sorprendeunos a forza e o ánimo que nos trasladaron os afiliados e colaboradores de sempre, manifestándonos o seu compromiso e fidelidade co Partido”.