Mar Frades asegura en Lugo que o BNG traballará por "unha Europa dos Pobos"

LugoXa
Participou na charla-coloquio no Centro Social Uxío Novoneyra que se centrou na visión fronte á situación da Unión Europea
30 Maio 2024

A candidata nº 3 do BNG ás eleccións europeas, Mar Pérez Fra, e o historiador e analista internacional, Duarte Correa, participaron na charla-coloquio no Centro Social Uxío Novoneyra que se centrou na visión fronte á situación da Unión Europea e a súa deriva militarista, facendo especial fincapé na  necesidade dunha alternativa pola paz e o antimilitarismo.

Desde a creación da Unión Europea, o BNG denunciou en reiteradas ocasións que a súa razón de ser é como instrumento ao servizo dos intereses do gran capital, e que persegue como principal obxectivo facilitar o proceso de concentración e centralización capitalista no ámbito europeo. Neste contexto, segundo Pérez Fra, “produciuse unha rápida involución que se verificou ao longo dos últimos anos, cun notábel aumento do belicismo como reflexo do papel cada vez máis subordinado dos estados membros ao servizo dos intereses imperialistas liderados polos EUA”. Isto, insiste a candidata do BNG, non fai máis que volver ratificar o acerto da análise e posición histórica do nacionalismo galego ao se opor ao denominado proceso de ‘construción europea’.

Mar Pérez Fra indicou que o BNG seguirá defendendo nas institucións europeas unha política e unhas relacións internacionais baseadas na paz, na solidariedade e no multilateralismo na relación en pé de igualdade entre pobos. “Seremos garante da defensa dos principios democráticos, da soberanía e independencia dos pobos, da paz, do antimilitarismo, dos dereitos humanos, da xustiza e da cooperación entre os pobos, co pacifismo e o antimilitarismo como bandeira”, insistiu a candidata do BNG.

0.15259695053101