Mar Pérez Fra reúnese cos xubilados e pensionistas de Lugo
A integrante da candidatura do BNG ao Parlamento Europeo, Mar Pérez Fra, mantivo un encontro con xubilados de Lugo, onde escoitou as principais reclamacións do colectivo e achegou as liñas de traballo que o BNG defenderá na vindeira lexislatura europea. Mar Pérez Fra afirmou que "é preciso avanzar en xustiza social e benestar, rachando co modelo actual da UE baseado en recortes sociais e laminación de dereitos para as maiorías, rescatando con diñeiro público as perdas privadas da banca e das grandes empresas".
Fronte ao modelo socio-económico imperante na UE, o BNG defende os dereitos das maiorías sociais da comunidade. "Desde o BNG combateremos o deseño neoliberal que marca a UE e que despois o Estado español traslada por vía lexislativa, normativa e orzamentaria, especialmente na laminación de dereitos e conquistas sociais", explicou Mar Pérez Fra, que engadiu "é hora de darlle a volta aos recortes no sistema público de benestar social, rematando co desmantelamento dos sistemas públicos de servizos sociais a través das restricións que a UE exerce en materia de política económica e monetaria".
“Un escano do BNG no Parlamento Europeo marcará a diferencia na defensa doutro modelo de Europa que inclúe todas as causas xustas, unha Europa social, pacifista e dos pobos", declarou a candidata do BNG. O traballo feito polo BNG en Bruxelas é “o mellor aval para asegurar que a papeleta do BNG é garantía de defensa dos intereses galegos e, ao mesmo tempo, garantía de defensa dunha Europa xusta, antifascista, antimilitarista e pola paz".