Marcho que teño que marchar

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
A psicoloxía da man de Noelia Yáñez que nos leva á interiorización do ser humano, os seus sentimentos e todo o que o rodea.
Noelia castro
14 Dec 2021

Por Noelia Castro Yáñez

Coido que fai falla máis elegancia para marchar dalgures que para presentarse ante calquera. Calidade do que ten ou está feito con bo gusto, do que é sinxelo e ben proporcionado. Iso é na práctica a elegancia, ou eso é o que nos fixeron crer. A avoa sempre nos recordaba a importancia de levar unha muda limpa, polo que puidese pasar. Hoxe dubido moito que a alguén lle importase ese detalle. Pero si concordo con ela e podo dar fe do moito ruido que fai a ausencia de gusto.

A elegancia de marcharse. Din que doe máis deixar a alguén ca ser deixado. Desde logo, na escolla das palabras axeitadas para tal fin debe haber premeditación e alevosía. E moito tacto, xentileza e unha morea de cariño. Acostumamos a preguntar, como vos coñecestes? Pero nunca, como vos deixastes? Imaxino que polo traumático da situación, pero pasado un tempo prudencial, tampouco falamos da maneira de marchar. Eu son das que pensan que a veces se di máis pola maneira de irse que polo xeito de encontrarse. Porque coñecerse puido ser froito da casualidade inexistente das ganas, pero para marchar precísase dunha historia común. Di un dos protagonistas da serie do momento nunha escea cargada de emoción, que o que se bota en cara na derrota é o único realmente importante. E é aí onde se define unha persoa, uns compórtanse coma pusilánimes, outros tragan, uns poucos rebélanse, e outros non poden evitar destrozar todo para teren outra vida. Iso é o que fai el, destrozar unha coctelería argumentando que o Negroni era horrible e non podía soportar esa infamia.

Así somos, capaces de calquera cousa con tal de non afrontar unha realidade que nesas ocasións se nos vén enorme. Porque si, pode que ninguén sexa imprescindible nunha empresa, pero a súa ausencia pode que se note moi forte, e cando un traballador quere abandoar o barco, pode que faga falla unha pouca de autocrítica. Tamén é certo que vai a depender moito do teu tamaño o que se che faga grande ou aquelo que apenas consiga facerche unha miguiña de sombra. Ás veces custa entender como dúas persoas que se queren non poden estar xuntas. Pero así é, porque ata para pechar un libro, hai que facelo bonito. Ver un bo libro en mans dun descoñecido, é un libro recomendándoche unha persoa, por eso non podo evitar tratar de descubrir que le a xente que porta un libro nas mans. Fai falla valor para quedarse co bonito, para seleccionar o positivo e borrar o caixón do rancor. Pero tamén o modo no que alguén deixa un sitio di moitísimo sobre o que fixo dentro. Tamén difire a maneira na que nos imos en función de como decidimos marchar. Porque non marchamos coas mesmas ganas froito dunha decisión apresurada ca cando marchamos logo de pensalo lento e cocelo despaciño no forno de leña. Pódese marchar querendo moito e moi forte, con ansias de mellorar, pero tamén che digo que se as cousas funcionan para que cambialas. É simbólico o nome que recibe o documento que che permite abandoar un equipo de fútbol, carta de liberdade, pero define tanto a quen a da coma quen a pide. Porque para marchar con elegancia, tamén é preciso de reciprocidade. E cando alguén ten ansias de fuxir, coido que retelo é a peor das opcións e a máis precisa sería abrirlle a porta, para que poda facelo ao grande. Se ben é certo que cada un de nós portamos unha mochila que pesa, e cada marcha precisa dunha chea de etapas polas que é preciso pasar. Shock, negación, negociación, ira, tristeza e dor para chegar á aceptación. Pero en todas e cada unha delas, a elegancia debe acompañarnos, tanto para deixar coma para ser deixados.

0.16867709159851