Marchou Darío

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Coa nosa VOZ, artículos do escritor Pablo Veiga, que trata os temas de actualidade cun toque persoal e atentendo a esta provincia.
Pablo Veiga
14 Dec 2021

Por Pablo Veiga

A actualidade é a que manda e condicionan a un á hora de escribir o correspondente artigo. O tema para o último número do xornal Terrachaxá decidiuse o dezasete de novembro, cando nos enteramos dunha nova que sorprendeu a case todos, como foi o pasamento do escritor Darío Xohán Cabana. Nas horas posteriores, moito se dixo del, todo bo, todo merecido, sen ningunha dúbida. E foise demasiado axiña, aínda que nunca adoita ser tarde para esa viaxe definitiva, deixando tocada a Literatura Galega e o conxunto da sociedade luguesa.

Darío naceu na parroquia de Roás. De pais labregos, estes eran republicanos e progresistas, nada menos, toda unha declaración de intencións na Galicia Rural da época e tamén da actual. Na súa casa había máis libros cá na do cura, adoitaba dicir, de aí que o seu amor polas letras xurdise case ó mesmo tempo que empezou a falar. No sangue levaba ese carácter inconformista e loitador, sempre a prol dos seus, cunha defensa a ultranza dos de abaixo, daqueles ós que a sorte non lles era favorable. Comprometido ata o último suspiro co Idioma, coa Cultura e co País, non eludiu responsabilidades e desde moi novo tivo unha militancia política moi significativa, amosando o seu patriotismo galego caracterizado por unha enorme coherencia.

A súa bagaxe como autor durante a súa vida foi enorme; ademáis de publicar numerosas obras, cultivando tanto a poesía como a narrativa, algunhas delas con premios literarios importantes, Cabana foi quen de traducir clásicos italianos como A Divina Comedia, de Dante, á lingua galega.  Dos seus libros, permítome destacar Galván en Saor (1989), unha novela recreada en Roás –escrito Saor ó revés-, na cal se mistura  a fantasía, o amor e a aventura, contado dunha maneira tal que nos transporta a un mundo imaxinario e apaixoante que el foi quen de contar coma ninguén.

Aparte da súa faceta literaria, tan prolífera e merecidamente recoñecida, Darío era un personaxe de doada identificación; non pasaba desparcibido o seu porte e o seu aspecto físico tan propio. Foi un servidor público, acentuando o seu bo facer como empregado do concello de Lugo, onde a súa profesionalidade e dedicación deixaron pegada. El nunca esquecía as súas orixes, volvendo a esa Terra Chá que o viu nacer, igual que un veciño máis, sempre próximo, humilde e xeneroso.

Como anécdota, sinalar que Darío Xohán Cabana foi o invitado de honra na sesión de graduación na Facultade de Humanidades en dous mil dez, promoción da que un formou parte xunto a un conxunto de estudantes veteranos, os cales fixeramos grupo co resto de alumnos convencionais, loxicamente moito máis novos. Darío no seu discurso loubou esa xuventude que viaxaba, que dominaba idiomas, aventureira, unha xeración moi preparada e que se agardaba moito dela. Pero recalcoulles a aqueles mozos e mozas que eles e elas non eran máis importantes que unha caixeira dun supermercado ou que calquera outro empregado. Que nunca esqueceran iso. Palabra de xenio.

El sempre o tivo presente, de principio a fin. Que a Terra lle sexa leve.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1607129573822