Marcos Waldemar: “Neste mundo tecnolóxico, a maxia é unha forma de volver ao mundo real”

LugoXa
Marcos Waldemar, o artista de Portomarín que enaltece o legado máxico do Conde Waldemar
Marcos-Waldemar
24 Sep 2025

Jessica Fernández

Quen é Marcos Waldemar?

É un rapaz que naceu nunha aldea de Portomarín chamada Narón e creceu nunha familia con avós e pais cun legado máxico, xa que na casa onde nacín faleceu o conde de Waldemar, un dos magos máis coñecidos do século e que percorreu 69 países. Eu medrei xogando e imaxinando, xa que con 3 ou 4 anos escoitaba o que facía este artista: que paraba o tráfico no Golden Gate, que transformaba o xornal nun billete, que facía nevar… era como escoitar historias dun heroe, para min era como escoitar as historias dun súper heroe. Entón, eu con tres ou catro anos xa xogaba a ser mago, unha peculiaridade que sempre me acompañou desde pequeno; a maxia estivo moi inherente a min desde que nacín, algo que me acompañou durante toda a vida. Fixen moitas actividades de maxia, pero logo tamén quixen estudar algo que me permitise compatibilizalo, e fixen enxeñería de deseño industrial. A maxia sempre estivo aí ata que non puiden compaxinalo e decidinme por ela. Así, desde 2023 dedícome profesionalmente á maxia. Porén, eu nunca me sentín identificado coa palabra “mago”, polo que no meu nome non está integrada. Síntome máis representado como artista, xa que sempre tiven inquietudes artísticas en xeral. Gustábanme os proxectos musicais e audiovisuais, pero a maxia é unha forma de expresión que me permite contar cousas que outras artes non poden. Creo que “ilusionista” ou “creador de ilusións” é unha palabra máis acertada. Pero no meu caso identifícome máis con todas as palabras que teñen que ver con artista ou cunha actividade artística, sen que teña connotación superior ou inferior; simplemente é unha cuestión de perspectiva.

Que momento vive a maxia?

Está a vivir un momento moi bo, porque volve estar de moda e está presente na televisión. Temos o Mago Pop, cuxo espectáculo é o máis taquilleiro de Europa, por encima de teatro, cine, etc. Estamos moi contentos porque hai moita afección: moitos nenos queren ser magos e, tendo en conta o mundo ao que imos coa intelixencia artificial, a maxia é unha maneira de volver ao mundo real. É un xeito de evadirse dos problemas, pero tamén un medio para conectar co que é posible. Ademais, a maxia é unha arte privilexiada porque podemos vivir dela, pero tamén implica moito traballo. Se temos tres actuacións ao mes, non traballamos só tres días, traballamos todo o mes para preparalas. Non só se pode vivir de actuar en bautizos ou comuñóns, tamén se poden crear xogos de maxia, como eu fago desde os 16 anos, para produtoras dos EUA e para outros magos. O primeiro xogo que creei para produtoras pagáronme 10.000 dólares. Non sempre é tan fácil, pero hai que buscar a forma de chegar a ese público.

Cal é a súa especialidade?

É moi difícil autodefinirse. A xente di que a miña maxia é moi persoal, próxima e incluso poética, moi pensada para enganchar. A maxia de preto é a que máis desfruto, pero agora estou moi metido en teatro e maxia en grandes teatros, entón esa especialidade vai perdéndose un pouco.

Ata a actualidade, campión de España de maxia. Como recibiu este recoñecemento e en que contexto?

Foi en Terrassa, en xullo. Foi nun congreso nacional de maxia que se celebra cada ano, onde se reúnen máis de 500 magos e hai diferentes categorías nas que competir. Sempre crin que os premios, precisamente pola miña maneira de entender a maxia como algo artístico, non teñen moita cabida, porque non ten sentido dicir que algo é mellor ou peor. Dentro dese contexto e da pouca importancia que lle dou aos premios, estou moi agradecido por recoñecerme como campión de España de maxia por desenvolver un sistema moi innovador de maxia con olores. Ata agora, os olores eran algo pouco explorado na maxia. Eran pouco prácticos, pero grazas a un sistema que levaba un tempo desenvolvendo con outros magos aquí en Galicia, conseguimos facer desaparecer ou cambiar olores.

Como é a relación entre magos?

A relación entre magos é xenial. En todos os sectores sempre hai xente coa que tes máis ou menos afinidade, pero Dani Polo organiza un montón de festivais e leva a maxia á televisión, Rafa organizou durante 22 anos LugoMáxico e Roberto Lolo leva 20 edicións do Festival de Sarria. Toda esa xente fai que a maxia en Galicia se mova. Se teño que nomear un referente próximo, nomearía sempre a Mago Antón, porque para min foi como un pai máxico. Antón abriu a porta para que todos viñéramos detrás. Vai facer 60 anos de carreira, está no Mago Móbil, un camión que visita concellos pequenos, e este ano celebra 50 anos subido aos escenarios. Retirado non está no seu vocabulario.

Cales son os seus proxectos de futuro?

A nós, os magos, non nos gusta facer predicións. A 20 anos podo estar voando en escoba e facendo cousas que agora non podo, pero a curto prazo estou ilusionado cunha xira polos teatros de Galicia. Vou intentar ir a case todas as localidades con meu espectáculo ‘Inherente’, no que conto toda esta historia. O 28 de setembro estarei en A Rúa, nun espazo mítico, un antigo cine para unhas 400 persoas. Esperamos que todos estean alí. A medio prazo, o próximo verán farei unha xira por Latinoamérica cun espectáculo máis reducido, ademais de moitas conferencias para magos. Visitarei Colombia, México, Arxentina, Uruguai, Chile e Ecuador. A longo prazo estou a preparar algo para a cidade de Lugo: unha maxia que aínda non se viu en España. Non se pode dicir en que consistirá, pero terá que ver coa cidade de Lugo e será unha maxia moi grande, agardando poder facela en 2027. Ademais, gustaríanos recuperar o Festival Conde Waldemar de Portomarín, que tivo moito éxito, pero sen financiamento non se pode facer. Estamos buscando a forma de levalo a cabo para as seguintes edicións. Queremos que volva celebrarse e ver se conseguimos implicar outras administracións, porque desde o Concello si que hai interese. Na primeira edición xuntamos 500 persoas na praza do pobo, levamos maxia a colexios e albergues, e queremos que se repita.

⚙ Configurar cookies
0.08923602104187