María José Gómez asiste aos almorzos saudables de Outeiro de Rei

LugoXa | TerraChaXa
A conselleira alientou a importancia de dar a coñecer estas producións entre os escolares, xa que contribúen á súa saúde e tamén porque son potenciais consumidores para o futuro
almorzos_saudables-outeiro-de-rei
24 Apr 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo, asistiu esta mañá a un dos almorzos saudables que se están a levar a cabo no CEIP Laverde Ruíz desta localidade. A través desta iniciativa, impulsada polo Concello en colaboración coa Axencia Galega da Calidade Alimentaria, búscase promover os hábitos alimentarios saudables entre a cativada.

Con estes almorzos saudables, póñense en valor os produtos agroalimentarios de proximidade, así como aqueles amparados por selos de calidade diferenciada, entre os que se atopan Artesanía Alimentaria, Agricultura Ecolóxica, as denominacións de orixe protexida (DOP) e as indicacións xeográficas protexidas (IXP). Neste sentido, a conselleira salientou a importancia de dar a coñecer estas producións entre os escolares, xa que contribúen á súa saúde e tamén porque son potenciais consumidores para o futuro.

O menú, confeccionado polo chef Xosé Manuel Mallón, contou con elaboracións amparadas polos distintivos Artesanía Alimentaria, Agricultura Ecolóxica, as DOP Arzúa-Ulloa e San Simón da Costa ou as IXP Pan Galego, Tarta de Santiago, Mel de Galicia e Castaña de Galicia.

A maiores, a titular de Medio Rural salientou a relevancia destas iniciativas e puxo como exemplo o programa Come Local a través do cal se promociona o produto de proximidade con selo diferenciado nos centros educativos como parte do Pacto Verde Europeo e a estratexia Da Granxa á mesa, da Unión Europea.

O subministro destes produtos é un factor que achega melloras tanto aos usuarios dos colexios como aos produtores agrarios co fomento das canles curtas de comercialización, o desenvolvemento económico e educando nunha alimentación de calidade ás xeracións futuras.

⚙ Configurar cookies
0.17990589141846