María López Sández ingresa como membro de número da Real Academia Galega
O Círculos das Artes de Lugo acolle este sábado 11 de marzo unha sesión extraordinario na que María López Sández ingresará na Real Academia Galega como membro de número. A filóloga e escritora pronunciará o discurso titulado Onde abrolla o manancial: a paisaxe na raíz do ensaísmo galego, ao que lle dará resposta en nome da institución a académica Marilar Aleixandre.
Para este acto a entrada será libre ata completar a capacidade da sala e a sesión poderá seguirse tamén en directo dende academia.gal.
María López Sández ocupará a vacante producida polo pasamento do académico Darío Xohán Cabana en novembro de 2021. Profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura da Universidade de Santiago de Compostela e catedrática en excedencia do ensino secundario, a académica de número electa é investigadora da literatura galega e da sociolingüística, e tamén creadora literaria. Entre outros galardóns, mereceu o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2007 por Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio (Galaxia, 2008) e o Premio Repsol de Narrativa Breve (2012) por A forma das nubes.
A traxectoria de María López Sández demostra un firme compromiso coa lingua e a cultura galegas dende unha perspectiva rigorosa e multidisciplinaria. Licenciada en Filoloxía Galega, Hispánica e Inglesa, foi premio fin de carreira de Galicia e segundo premio nacional de Terminación de Estudos Universitarios de Filoloxía. Doutorouse en teoría da literatura e literatura comparada cunha tese na que analizou a descrición da paisaxe como unha das condicións simbólicas da nación a través de Rosalía de Castro, Ramón Otero Pedrayo e Xosé Luís Méndez Ferrín. Neste mesmo tema, ao que volverá no seu discurso de ingreso na RAG, centrouse o ensaio que lle valeu o Premio Ramón Piñeiro, unha obra de referencia na relación da literatura galega co territorio; e nel seguiría a afondar atendendo os imaxinarios rurais e urbanos no campo das letras galegas en autores como Eduardo Blanco Amor e Carlos Casares e mais a análise semiótica da cartografía, subliñando a centralidade cultural do mapa de Domingo Fontán.
A filóloga participou en proxectos que indagaron na relación entre lugares da xeografía galega e a literatura a través das humanidades dixitais e sobre Rosalía de Castro. Un dos últimos que dedicou á autora fundacional das letras galegas contemporáneas é o herbario literario Nasín cando as prantas nasen (2022), un achegamento botánico á obra rosaliana asinado xunto a María Isabel Fraga Vila e Miguel Fraga Vila. A contribución completouse cun herbario físico que, tras dar lugar a unha exposición no Real Xardín Botánico de Madrid, foi cedido á Casa Museo Rosalía de Castro, de cuxo padroado é membro. A súa última achega arredor de Rosalía é a publicación Mordouelias, Rosalía e As Terras da Maía (2023), na que repasa a relación entre a escritora e o val da Maía.
María López Sández é ademais coautora d’O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán (2021), xunto a Marilar Aleixandre, e coordinadora da sección “O espello das letras” da revista Grial.
No campo da sociolingüística, ten realizado diversas contribucións dende o eido da educación. Coordinou o equipo de traballo da Avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO (2020) e é coautora de Ideas para un plurilingüismo dende o galego no concello de Ames, ambas as publicacións do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, do que é colaboradora. Como docente e experta en didáctica da lingua e da literatura publicou libros e outros materiais didácticos e imparte ás futuras e aos futuros mestres materias de perfil sociolingüístico dende unha ollada cara á promoción do galego no ensino ao longo de todas as etapas.
Como creadora literaria, tras A forma das nubes (2012), gañadora do Premio Repsol de Narrativa Breve, publicou O faro escuro (2015), finalista do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia; A noite Deusa (2020), finalista do Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil da Deputación da Coruña; e Illados. Diario da pandemia (2020). Conta ademais cunha columna semanal en La Voz de Galicia.