María Reigosa deixa o PSOE e pasa a ser concelleira independente mantendo as súas responsabilidades

María Reigosa Castro vén de causar baixa como militante do PSOE, formación á que se incorporara ao grupo municipal no mes de outubro en substitución do falecido concelleiro Pablo Permuy. A edil continuará exercendo como concelleira, aínda que a partir de agora terá a condición de independente, mantendo as competencias relacionadas coa conservación e mellora das vías públicas e das infraestruturas no ámbito rural.
A situación xerou certa polémica no ámbito político local, ante a que o alcalde, Miguel Fernández, quixo lanzar unha mensaxe de tranquilidade. O rexedor explicou que os procesos de axuste interno requiren tempo e subliñou que no Grupo Municipal deben primar a coordinación, o debate interno e tamén a disciplina de voto. Segundo indicou, é habitual que en determinados momentos xurdan discusións e criterios diferentes, cuestións que se analizan, se debaten e se consensúan no seo do grupo.
Miguel Fernández confirmou que María Reigosa continúa formando parte do Grupo Municipal, participa con total normalidade nas reunións e nos debates e mantén todas as súas funcións a efectos prácticos. O alcalde remarcou que o goberno local segue traballando como ata agora, con normalidade e centrado nos asuntos que considera prioritarios para a cidade.