María Reigosa incorpórase ao goberno municipal como concelleira de Cohesión Territorial

O Concello vén de aprobar un novo decreto de reorganización municipal tras a incorporación de María Reigosa Castro ao grupo socialista en substitución do falecido concelleiro Pablo Permuy.
A reestruturación mantén a liña continuista marcada polo executivo desde marzo, cando Miguel Fernández asumiu a Alcaldía, coa intención de consolidar o funcionamento actual e reforzar a coordinación entre áreas para gañar eficacia na xestión municipal.
A área de Cohesión Territorial pasará a depender directamente da Alcaldía, aínda que será Reigosa quen asuma a delegación, encargándose das actuacións vinculadas á conservación e mellora das vías públicas e infraestruturas no rural, así como da dinamización sociocultural das 54 parroquias e a atención ás súas necesidades específicas.
O decreto tamén establece a división da anterior Área de Xestión Integral de Recursos Internos, Urbanismo, Deportes e Xuventude, dirixida até o seu falecemento por Pablo Permuy. O novo esquema distribúe competencias en dúas áreas diferenciadas: Ana González Abelleira liderará Xestión Integral de Recursos Internos, asumindo contratación, persoal, facenda e xestión económica, mentres que Jorge Bustos continuará á fronte de Urbanismo, Deportes e Xuventude, impulsando as políticas de planificación urbanística, promoción deportiva e iniciativas para a mocidade.
O alcalde, Miguel Fernández, salientou que esta reorganización busca “optimizar o funcionamento interno do Concello e consolidar un equipo de goberno sólido, estable e comprometido coa cidade”, ao tempo que destacou o labor do executivo para avanzar “con paso firme” na terceira gran transformación de Lugo, orientada á modernización urbana, económica e social.
Pola súa banda, Mauricio Repetto continuará dirixindo a Área de Dinamización Económica e Relacións Institucionais, encargada do impulso ao comercio, o emprego e a innovación local, así como da colaboración co tecido empresarial e asociativo. Ana González Abelleira manterase como voceira do goberno municipal.
A área de Cohesión Social seguirá baixo a responsabilidade de Olga López Racamonde, quen contará con dúas concellarías delegadas: Igualdade e Inclusión, a cargo de Ángeles Novo, e Movementos Migratorios, dirixida por Wadir Sinisterra, orientadas á promoción das políticas de igualdade e á integración da poboación migrante.
As demais áreas municipais, como Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Mobilidade e Infraestruturas Urbanas, Participación e Servizos para a Veciñanza e Dinamización Económica, manterán a súa estrutura actual sen cambios.