María Reigosa supervisa as obras na parroquia do Veral

LugoXa
A actuación abrangue 1.500 metros de trazado cun investimento que supera os 15.000 euros
o-veral-obras
23 Nov 2025

A concelleira de Cohesión Territorial, María Reigosa, vén de supervisar os traballos que a Brigada Municipal do Rural está a executar na parroquia do Veral, onde o Concello de Lugo leva a cabo unha intervención de mellora viaria nunha pista estratéxica para a mobilidade da zona.

A actuación abrangue 1.500 metros de trazado, nos que se está a aplicar un dobre tratamento sobre 700 metros e un triplo tratamento no resto da superficie, co obxectivo de incrementar a seguridade viaria, mellorar o estado do firme e garantir unha maior durabilidade nunha vía que soporta un volume de tránsito importante para o día a día da parroquia. A intervención municipal supón un investimento que supera os 15.000 euros.

O uso de recursos propios está a permitir ao Concello asumir un maior número de actuacións nas 54 parroquias, e facelo ademáis de maneira máis áxil e con maior eficiencia. Isto tradúcese nun maior número de melloras, máis capacidade para executar mantementos e unha resposta máis rápida ás necesidades da veciñanza.

A actuación no Veral forma parte do plan continuo de mellora e mantemento que o Concello de Lugo está a desenvolver nas distintas parroquias do municipio, fortalecendo a cohesión territorial e garantindo condicións de vida e mobilidade adecuadas para toda a cidadanía, independentemente do lugar no que resida.

⚙ Configurar cookies
0.055316925048828