María Xosé Lamas e Brenda Mondelo participan nun novo encontro de Lugopoética
Este xoves, na sede lucense da Uned, vaise celebrar a terceira das sesións de Lugo Poética 2024, que organiza Egeria co apoio da Universidade de Educación a distancia e a Xunta de Galicia. Nesta ocasión van participar as poetas María Xosé Lamas e Brenda Mondelo, da Terra Chá a primeira, e da montaña de Pedrafita a segunda, en diálogo co Presidente de Egeria, Xulio Xiz.
Falarán sobre poesía, da súa experiencia como autoras e lerán anacos da súa obra: María Xosé Lamas, xa cunha importante traxectoria e Brenda Mondelo como voz nova que camiña firme polos vieros da literatura. A xuntanza é pública e poden asistir todas as persoas interesadas nesta iniciativa.
Lamas (Vilalba, 1961) é profesora, poeta e actriz, ten un importante labor no teatro afeccionado como autora, tradutora, adaptadora e directora, e tamén como pedagoga e divulgadora. En poesía acadou os premios do Concello de Vilalba e Arume de poesía para nenos, tendo publicados títulos como ‘Catro palabras caladas’, ‘Datando lembranzas’, ‘Con Fausto por este río acima’ ou ‘Sonetos preposicionais’.
Mondelo (O Seixo, Pedrafita do Cebreiro, 1994) conversaba cunha das últimas habitantes da súa aldea, falecida no 2017, en ‘O espello de Celia’ (Premio Xoán Díaz). Gañou o (Re)inventando Xela Arias e o Lorenzo Baleirón con ‘Neve’, editado por Chan da Pólvora. Participou na obra colectiva ‘Última poesía crítica. Jóvenes poetas en tiempos de colapso’. Escribe sobre as persoas que viviron nun mundo que logra recuperar a través da poesía.