Mario Colomán & The Clocks Band actuará o venres 14 na Biblioteca Pública de Lugo

A Biblioteca Pública de Lugo acollerá o venres, 14 de marzo, unha actuación da banda da comarca de Quiroga ‘Mario Colomán & The Clocks Band’, unha proposta musical aberta ao público que promete encher de ritmo e talento xuvenil este espazo cultural.
A actuación dará comezo ás 20.00 horas, con entrada libre e gratuíta ata completar aforo, ofrecendo así unha oportunidade única para achegarse á música de creación local nun escenario emblemático da cidade.
A banda ‘Mario Colomán & The Clocks Band’, integrada por seis mozos da comarca de Quiroga, debutou no mes de marzo do pasado ano. No seu repertorio mesturan versións de temas clásicos de rock, blues e pop, ademais de composicións propias, nas que combinan estilos que van desde o funk ata o folk, demostrando unha gran versatilidade e talento musical.
Este concerto enmárcase na aposta da Xunta por impulsar a cultura galega e dar visibilidade aos novos creadores, especialmente no eido musical, ofrecendo espazos públicos como a Biblioteca para o goce da cidadanía.