Mario Outeiro continúa coa presentación do seu libro para poñer en valor o patrimonio do Corgo
Mario Outeiro continúa coas presentacións do seu libro 19+(1) Escapadas polo Corgo. Guía visual do Concello. Coa obra o profesor corgués pretende poñer en valor o patrimonio do Corgo a través de percorridos por cada unha das diferentes parroquias do concello. As imaxes da peza, que está editada polo Servizo de Publicacións da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, están da man do fotógrafo alemán, afincado en Galiza, Peter Schneider. A publicación está realizada en galego, castelán e inglés e inclúe pasatempos nas tres linguas.
Nas citas acompañarán ao autor Iria Castro, deputada de Cultura; Xosé Manuel Castro e Lolo de Anseán. As presentacións comezaron o día 21 e 26 no Punto de Atención á Lectura do Corgo e na Deputación Provincial. Continúan o 5 de xullo, a partir das 20.45 horas, na antiga escola de Adai e o venres día 12 de xullo, tamén ás 20.45 horas no local social de Cela. As persoas asistentes á presentación recibirán un exemplar de agasallo.
Na súa presentación no Pazo de San Marcos Outeiro estivo acompañado pola deputada de Cultura Iria Castro. Na cita, na que tamén interviron Xose Manuel Castro e Lolo de Anseán, a deputada de Cultura Iria Castro valorou "o traballo do Servizo de Publicacións, coa edición de obras de interese sobre a provincia, coma este libro que asina Mario Outeiro, activista cultural e docente vocacional, e corgués orgulloso, como demostra con este estudo”.