Marisa Castro presenta en Lugo a súa nova novela ‘Soño de liberdade’

A escritora lucense Marisa Castro presenta o vindeiro 4 de decembro a súa segunda novela, Soño de liberdade. Será ás 19.00 horas no Vello Cárcere nun acto ao que está convidada toda a sociedade lucense.
A autora, que continúa recibindo unha acollida moi destacada polo seu novo traballo literario, comparte nesta obra unha mirada profunda ás mulleres que abriron camiño en Galicia na reivindicación dos dereitos e da igualdade.
O libro chega nun contexto especialmente significativo, xa que, a través da protagonista Sabela Couto Roriz, Castro reconstrúe a memoria dunha xeración que se atreveu a enfrontar a submisión e as múltiples violencias —tanto visibles como simbólicas— que condicionaban as súas vidas. A obra afonda na resistencia silenciosa e na determinación das mulleres que defenderon a súa dignidade, apostaron pola educación, buscaron autonomía e reivindicaron o dereito a decidir sobre o seu propio destino.
A autora subliña que Soño de liberdade é tamén un exercicio de recoñecemento colectivo, unha maneira de poñer voz ás pioneiras que, malia as dificultades, abriron fendas de luz nun tempo no que reclamar igualdade era considerado un acto de rebeldía.