Marisol Bravos vén de lanzar a segunda edición do seu libro 'Unha historia de superación'

LugoXa
Esta edición estará marcada pola doazón da totalidade das vendas á Asociación de Cáncer Infantil e Xuvenil de Galicia
Marisol-Bravos-Lugo
10 Apr 2025

A escritora lucense Marisol Bravos acaba de anunciar o lanzamento da segunda edición do seu libro Unha historia de superación, despois de que a primeira edición, subvencionada pola Xunta de Galicia, estea case esgotada.

Esta nova tirada chega cargada de significado, xa que Bravos anunciou que destinará a totalidade das vendas á Asociación de Cáncer Infantil e Xuvenil de Galicia, un acto co que quere dar apoio a unha causa relacionada coa infancia.

Unha historia de superación é unha obra autobiográfica na que Marisol Bravos narra o seu propio camiño vital, marcado por difíciles obstáculos nun mundo que a maioría das veces resulta discriminatorio. Ao longo das páxinas, a autora subliña a súa forza interior e as ganas de vivir, calidades que lle permitiron facer fronte ás adversidades e seguir adiante.

A escritora, que sempre se comprometeu coa súa comunidade, afirma que "coa saída desta segunda edición podo cumprir o meu desexo de destinar as vendas a unha causa que me é moi próxima", facendo referencia á importancia de apoiar a loita contra o cancro infantil e xuvenil.

Quen desexe adquirir un exemplar de Unha historia de superación non só poderá disfrutar dunha obra inspiradora, senón que tamén estará a apoiar unha causa de gran relevancia social, contribuíndo ao traballo de sensibilización e apoio ás familias afectadas polo cancro infantil e xuvenil en Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.23170781135559