Marta Gontá, da plataforma Ulloa Viva: “Permitir a fábrica de Altri asenta un precedente para consentir un abuso de poder en calquera sitio”

LugoXa
A voceira do colectivo espera que a manifestación en Palas sirva como "chamada de atención para as administracións públicas e para a propia empresa"
marta_gonta_ulloa_viva
Marta Gontá, voceira da Plataforma por unha Ulloa Viva
30 Maio 2024

Por Lucía Blanco

“Dende a Ulloa ata a ría. Terra, auga e aire son vida”. Baixo esta premisa, miles de persoas gritaron alto e claro o seu rexeitamento contra a macrofactoría de Altri en Palas de Rei o domingo 26 de maio. “Eramos máis de 20.000 persoas nun concello duns 3.000 habitantes máis os que non deron chegado, porque moitos xa deron a volta en Melide porque de Arzúa a Melide levoulles chegar hora e cuarto”, asegura Marta Gontá, voceira da Plataforma por unha Ulloa Viva, un dos colectivos convocantes.

Foi o colofón final despois de meses de traballo nos que a plataforma informou á poboación sobre o impacto da fábrica, cuestionou as versións presentadas pola compañía e trasladou as súas reivindicacións ante partidos e institucións. O resultado: unha multitudinaria manifestación que deixou claro que o proxecto non só preocupa á comarca, senón a todo Galicia.

—Que sensacións deixa a concentración?

A sensación que tivemos é moi boa. Realmente o apoio que realmente queriamos era do resto de galegos e galegas porque cremos que son quen máis nos entenden. Ao final nós somos unha plataforma apartidista de veciños e veciñas da contorna e sentimos que estabamos arroupados polo resto de Galicia.

—Esta marcha e a recollida de máis de 23.000 alegacións pechan esta primeira etapa de traballo. Que balance fan?

Levamos máis dun ano pedíndolle información á Xunta e a Altri sobre o proxecto e ninguén nos atendeu. Despois de sentirnos sós, foi cando decidimos montar a plataforma. Houbo dous golpes na mesa: a recollida das máis de 23.000 alegacións e despois a manifestación. O que estamos dicindo con todo isto é que os veciños da Ulloa e da ría de Arousa estamos totalmente en contra deste proxecto e apóiannos o resto de Galicia e ten que ser unha chamada de atención para as administracións públicas e para a propia empresa.

—Denunciaron un certo “oscurantismo” á hora de dar a coñecer o proxecto. Cambiou esta postura?

En canto a informar do proxecto non houbo cambio. Cando veu Altri xa estaba público no DOG. Realmente o único que esperabamos era que foran capaces de verbalizar o escrito no proxecto e non foi posible. Seguen dicindo, por exemplo, que usan auga, que non a gastan. Pero no proxecto pon que collen 46 millóns de litros e que devolven 30.

—Dende a compañía tamén recalcan a aposta pola madeira de proximidade, argumento que vostedes desmontan.

É unha campaña de márketing o que están levando a cabo. Porque podes dicir que gastas 16 millóns de litros de auga ao día ou dicir que non a gastas, que a usas, pero a efectos prácticos que significa? Din madeira de proximidade, pero non, é monocultivo de eucalipto. Estamos falando de utilizar unha madeira dunha árbore invasora que provoca unha perda de biodiversidade moi grande na contorna e que compite cos gandeiros e cos agricultores pola terra.

—Alertan de que a factoría impactaría directamente sobre a economía local, baseada na produción agrogandeira e no turismo.

Levan moito tempo vendéndonos a organización do territorio. A organización do territorio é que onde tes terras fértiles para facer alimentos de calidade para a xente non ten cabida este tipo de industrias. Dende esta comarca apostamos por redistribuír a riqueza con proxectos economicamente sostibles e polos produtos de calidade do sector. O produto final que eles fan —celulosa soluble e lyocell— non encaixa co tecido socioeconómico que existe.

—E a nivel ambiental, cales son as consecuencias?

Ademais da captación dunha inxente cantidade de auga nun escenario de cambio climático e a devolución de 30 millóns de litros de auga, tratada pero contaminada, o seu proxecto pon que liberarán 8.754 quilos de gases contaminantes ao día. Esa contaminación 350 días ao ano, que é o que poñen que a fábrica vai estar aberta, vai acabar nos nosos animais, no noso territorio e ata a imos respirar e beber.

—Existe un descoñecemento sobre o territorio?

Entendemos que se está exercendo certa violencia cara ós veciños da Ulloa. Para levalo a cabo teñen que expropiar 366 hectáreas de terreo privado aos seus lexítimos donos. Estamos dicindo de todas as maneiras posibles que este tipo de negocio non nós interesa e véñeno impoñer. Permitir isto aquí asenta un precedente para consentilo en calquera sitio, é un abuso de poder.

—Xoga un importante papel a declaración como proxecto industrial estratéxico.

O arquitecto do Concello de Palas dixo en decembro do 2022 que o proxecto incumpría a normativa para instalarse nesta zona e, a finais dese mes, declárano proxecto industrial estratéxico, o que fai que poidan saltarse a lei existente á que se refería o arquitecto. Ademais dálle potestade á empresa para expropiar os terreos nos que se quere instalar. Din que se vai instalar se cumpre a lei, pero non é garantía para nós para nada.

—Fálase moito das cifras avultadas en canto a inversión.

É unha inversión privada que terá beneficios privados a conta da nosa auga, do noso aire e da nosa terra. Non estamos en contra da inversión, estamos en contra de que unha inversión de mil millóns de euros se apodere da nosa auga, da nosa terra e do noso aire, que privatice os nosos recursos máis básicos, que compita polo territorio cos nosos gandeiros e agricultores e que cando haxa beneficios serán só para a empresa.

—Cren que a compañía logrará os fondos europeos?

Cremos que é imposible porque incumpren sete directivas europeas. É un chiste que queiran 250 millóns de euros de diñeiro público para iso. Europa está poñendo cartos para proxectos socioeconómicos como o que xa existe na Ulloa de maneira natural. Sería ir en contra do modelo de futuro que quere.

—Desprazáronse ata o Congreso para reunirse cos distintos grupos parlamentarios. Que visión se ten do proxecto a nivel nacional?

Todos os partidos de esquerdas, a excepción do PSOE que non nos queda claro onde está, están en contra e parécelles unha barbaridade e tampouco o PNV o querería no seu territorio. O PP atendeunos cordialmente pero pareceunos que había bastante descoñecemento do territorio e do propio proxecto en Madrid.

 

 

0.14666295051575