Martín Casanova e Isabel Liñares, recoñecidos polo Concello de Lugo como os mellores expedientes da PAU 2025

LugoXa
O IES Leiras Pulpeiro e o IES Nosa Señora dos Ollos Grandes contan cos alumnos con maior cualificación da cidade, destacados pola súa excelencia e compromiso académico
Martín-Casanova-e-Isabel-Liñares-recibimento-Concello-de-Lugo
17 Jul 2025

Martín Casanova e Isabel Liñares, estudantes que acadaron as dúas mellores notas na Proba de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (PAU) de 2025 no municipio de Lugo, foron recibidos na Casa Consistorial nun acto de recoñecemento pola súa traxectoria e esforzo.

Martín Casanova, alumno do IES Leiras Pulpeiro, obtivo unha cualificación de 9,96 sobre 10, sendo o expediente máis destacado da cidade, mentres que Isabel Liñares, do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, logrou un 9,65, situándose como a segunda mellor nota.

Durante o encontro, as concelleiras de Educación, Iria Buide, e de Cultura, Maite Ferreiro, salientaron a importancia de poñer en valor a constancia, a disciplina e a implicación persoal que amosan exemplos como os de Martín e Isabel. Iria Buide indicou que “é un orgullo para Lugo contar con estudantes que representan o talento e a capacidade crítica da nosa mocidade” e reafirmou o compromiso municipal coa educación pública como ferramenta de igualdade de oportunidades.

Maite Ferreiro, pola súa banda, insistiu na necesidade de visibilizar referentes que amosen que “a nosa mocidade está preparada para liderar con criterio e compromiso, representando unha xeración con moito que achegar á sociedade”.

Ambas as dúas concelleiras fixéronlles entrega dun pequeno agasallo en sinal de recoñecemento e animáronos a continuar a súa formación universitaria, que no caso de Martín Casanova encamíñase cara ao grao en Dereito e, no de Isabel Liñares, á carreira de Medicina.

O acto pechouse coa reafirmación da Tenencia de Alcaldía de Lugo de seguir impulsando espazos que promovan o talento local e apoien o futuro das novas xeracións, sempre desde unha aposta firme pola educación pública de calidade.

⚙ Configurar cookies
0.15704607963562