Mateo Fernández: “Chegar ao nivel de Álex Camba sería un soño e unha meta persoal”

Jessica Fernández
Como foron as sensacións durante o Campionato de Europa de taekwondo?
As sensacións foron boísimas desde que entrei no tapiz e en todo o campionato. Nunca esquecerei esta oportunidade, que quedará marcada en min. A nivel competitivo, para min a mellor competición e espero volvela a repetir.
Como se avalía a si mesmo?
A verdade é que bastante ben, tiven días mellores, pero vinme ben, todo o adestramento previo foi moi importante e deu os seus froitos, vinme ben de ritmo, con patadas altas e forza. Con respecto ao trío, fixémolo moi ben, incluso considero que fomos superiores aos outros equipos, polo que súper ben. Xunto con Aitor, do Club Neka de Monforte, e con Hugo Arnoso, conseguimos a medalla de ouro europea, algo que para min é un gran éxito.
Houbo moito nivel?
Houbo moito nivel, é un campionato europeo e o taekwondo está en constante evolución. Dun campionato a outro a categoría sobe de nivel, e incluso moitos deportistas van a Corea a adestrar para mellorar. Concretamente, o noso adestrador Álex Losada estivo un tempo en Corea para mellorar, polo que o nivel vai crecendo de ano en ano, vai evolucionando tanto a técnica e a forza, entón vai crecendo a calidade do deporte e dos campionatos.
Parte do éxito é da AC Taekwondo Sarria?
Si, porque vale moitísimo todo o que aprendemos na academia de taekwondo e Alex é un tipo currante que te quere levar ao máis alto, sempre se preocupa moito de nós, non só deportivamente, senón tamén persoalmente; se tes algún problema sempre intenta axudar, non podería ser mellor. Eu cando estou preocupado, el dáme consellos desde a súa experiencia e axúdame a xestionar os nervios e os cambios de humor para estar seguro de min mesmo e tamén aprendo a xestionar as emocións.
Poderíamos dicir que Álex é un referente?
Si, para min chegar ao nivel de Alex sería un soño e unha meta persoal. Ademais, campionatos como estes poucas veces se repiten, polo que se podo volver participar e incluso gañalo sería unha pasada, porque xa chegar alí é complicado, pero agardo poder volver competir nun campionato dese nivel.
Con só 15 anos xa conseguiu moito, cal é a súa proxección deportiva de cara ao futuro?
Penso en ir a Corea dentro duns anos porque é toda unha experiencia que todo taekwondista ten que vivir, porque aprendes a nivel competitivo e comprendes os seus costumes, aínda que os máis importantes, a disciplina e o respecto xa os levamos da escola, onde aprendemos tamén a gañar forza e mellorar a condición física; pero tamén facemos moito exercicio e mental para xestionar as emocións que me serven nas miñas relacións persoais na casa e coas amizades, intentando manter o respecto e aplicar a empatía en cada situación. Con respecto ao futuro, por desgraza, non se pode vivir deste deporte, aínda que quero seguir mellorando e profesionalizándome, como o adestrador, e como profesión gustaríame ser profesor de Educación Física na ESO porque é unha etapa moi bonita e se tes un bo profesor déixache marcado de por vida. É unha época tamén difícil e gustaríame axudar aos nenos, non só fisicamente senón tamén psicoloxicamente.