Mateo y Sánchez Asesores: “Indicámoslle aos clientes o que pagan de impostos para que paguen menos dentro da legalidade”
As case tres décadas de experiencia avalan a calidade da compañía de Pablo Gallego e Raúl Mateo, toda unha referencia no sector que ofrece asesoramento en materia fiscal e contable
Pablo Gallego e Raúl Mateo están a fronte de Mateo y Sánchez Asesores, ubicada na Rolda da Muralla, 9-10, 1ºB. A compañía, que conta con case tres décadas de experiencia ofrecendo o mellor servizo en material fiscal e contable, caracterízase polo trato próximo e o acompañamento aos seus clientes, mentres se mantén ao día para evitar os problemas legais e garantir o bo funcionamento de calquera empresa.
Son das primeiras firmas lucenses con servizos profesionais. Que os diferenza?
Ofrecemos asesoramento para persoas físicas e empresas en canto a contabilidade, parte xurídica ou impostos dende o 1995. Non somos unha xestoría ao uso, no sentido de limitarnos a facer as declaracións. Facemos máis acompañamento porque reunímonos cos nosos clientes, imos vendo como van, como poden mellorar e optimizar as súas empresas. É un servizo máis profesional que mecánico.
Polo tanto, o seu traballo non se limita a mecanizar datos e facturas.
Algúns empresarios non se paran en facer unha análise para ver onde están gañando máis ou en comparar a situación da empresa con respecto ao ano anterior. Nós sentamos cos nosos clientes e podemos detectar que están gastando moito en transporte ou en publicidade, por exemplo. Estamos pendentes destas cuestións, en ter a información para tomar as decisións.
Como é o trato cos clientes?
Algúns levan con nós dende o principio e moitos dos que xa non están con nós é porque se xubilaron. É un trato a diario. Agora co tema das novas tecnoloxías, hai xente que vén aquí de maneira presencial e outra que non, pero o trato é igual de próximo. Realmente consiste nun acompañamento e en anticiparnos aos acontecementos.
Contan cun equipo mutidisciplinar formado por avogados e economistas.
Temos a parte fiscal e laboral e estamos especializados en cada un dos ámbitos para dar un bo servizo. Aínda que cada un teña a súa parte, é un traballo en equipo, porque todo acaba tendo relación. Por exemplo, a decisión dun cliente de contratar a unha persoa está relacionada coa parte laboral, pero tamén vai ter implicacións fiscais e vai influír no resultado da empresa.
Están inmersos na campaña da renda, que pecha o vindeiro 1 de xullo. Somos conscientes dos impostos que pagamos?
Estamos case seguros de que a xente non é consciente de todos os impostos que paga. Parte do noso traballo é facerlle saber canto paga para que pague menos, saber se se están aplicando todas as deducións ás que teñen dereito ou se se están imputando ben ou mal os gastos. Ao final o tema da renda é cada vez máis complicado. Antes calquera podía facer a súa propia declaración, pero agora como tamén é obrigatoria facela por internet, e o programa non é demasiado intuitivo, non resulta sinxelo, tamén por todo o que require como o certificado de usuario ou a clave PIN.
Que consellos darían para afrontar este trámite?
Un erro moi común é confirmar o borrador automaticamente se nos sae a devolver e recomendamos non facelo. Pode ser que estea mal porque haxa algo que non meteras ou que non recordes ou porque che pode saír a devolver aínda máis. Por exemplo, pode ser que non imputaras a cota dun colexio profesional, dun sindicato ou dun partido político, porque non aparecen no borrador pero tes dereito a metelas na renda.
Entre as novidades, fíxanse novas deducións, que implican que o proceso sexa cada vez máis complexo.
Ti ves o borrador e pensas que está ben pero ao final é importante saber todas as deducións que podes aplicar. Este ano está a dedución por compra de vehículos eléctricos e ao revés. Porque, por exemplo, se compraches un coche eléctrico e obtiveches unha subvención tes que tributar por ela e iso dá moitos problemas ou ao mellor presentas a declaración conxunta e non deberías e iso despois non se pode cambiar. Despois están as deducións por aluguer que moitas persoas non saben que se poden aplicar, a dedución por instalar Internet na casa, a das garderías ou se contigo vive unha persoa maior tamén se pode aplicar para pagar menos.