Mauricio Repetto participou no Coliving Artístico Municipal do Carme

LugoXa
A segunda sesión de co-deseño terá lugar o vindeiro 21 de novembro, baixo o título 'Boas prácticas culturais en residencias artísticas'
primeira-sesión-de-co-deseño-do-CAM-de-Lugo
30 Out 2024

O edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, participou no Coliving Artístico Municipal do Carme na sesión 'Residencias artísticas: creación, lugares, vínculos', a primeira das xornadas enmarcadas no programa 'Páxina en branco: sesións de codiseño para o CAM', nas que axentes culturais de referencia comparten as súas visións ao redor da programación de residencias artísticas.

A cita contou coa participación de Susana González, comisaria e responsable do Centro de Arte FMJJ en A Coruña; Miriam Pére, directora de Espazo e Galería Vilaseco na Coruña e Chantada; José Iglesias García, responsable da plataforma curatorial MAL, mediador en Concomitentes, en Los Santos de Maimona Estremadura; e o Colectivo Glovo, colectivo artístico, responsables das residencias artísticas e de investigación Atopémonos bailando Lugo.

Estes axentes culturais, referentes no desenvolvemento de proxectos de residencias, compartiron as súas experiencias de deseño, xestión e comisariado de residencias e os seus impactos na profesionalización dos artistas, no territorio, as súas comunidades e a dinamización local. Preto dunha vintena de persoas participaron nesta sesión, ás que o concelleiro agradeceu “a súa colaboración e contribucións para poñer en marcha neste Coliving as Residencias Artísticas Internacionais de cara ao 2025, o que permitirá a artistas de todo o mundo optar a bolsas para desenvolver os seus proxectos neste espazo durante tres meses”.

A segunda sesión de co-deseño terá lugar o vindeiro 21 de novembro, baixo o título 'Boas prácticas culturais en residencias artísticas', e nela abordaranse as repercusións das boas prácticas nos proxectos de residencias artísticas. Así, exploraranse diversos enfoques sobre a profesionalización, a sustentabilidade, o acceso á cultura, ou protocolos para espazos seguros. Participarán Zaida Llamas e Alfredo Puente, coordinación xeral e curadoría da Fundación Cerezales Antonino e Cinia, Cerezales do Condado, León; e Ania González, avogada especializada en dereito da cultura e propiedade intelectual de Vigo, entre outros profesionais por confirmar.

0.20097303390503