MAVI fai parada en Cervantes contra a violencia de xénero cunha nova entrega de libros
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, entregou no concello de Cervantes a “MAVI: a Maleta Viaxeira Contra a Violencia de Xénero”, con 11 libros para traballar por unha igualdade efectiva e real entre homes e mulleres a través da lectura de textos con perspectiva feminista tanto para persoas adultas como para nenas e nenos.
A subdelegada e a Xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación, María Luisa Castro, fixeron entrega da MAVI ao alcalde, Benigno Gómez, co obxectivo de combater actos derivados do sistema patriarcal en todos os concellos da provincia.
“Queremos promover a reflexión entre a veciñanza arredor da violencia de xénero, polo que apostamos e facilitamos aos concellos que se sumen a loitar contra esta violencia estrutural, defendendo que as administracións públicas deben seguir ofrecendo programas que contribúan á concienciación da sociedade”, asegurou Rodríguez, facendo fincapé de novo en que “esta é unha cuestión de estado e de gran relevancia social que perxudica gravemente a mulleres e nenas polo simple feito de selo”.
A subdelegada tamén defendeu “o carácter municipalista da iniciativa cun papel fundamental dos concellos, entre os que segue a ter unha moi boa acollida, chegando a gran parte da poboación e tamén a municipios rurais que se cadra teñen menos facilidades para acceder a este tipo de materiais”.
Rodríguez puxo de relevo que a educación e a cultura son bases fundamentais para a loita contra este tipo de violencias, sendo “moi importante o fomento da lectura especializada que favorece unha concienciación colectiva e que pode ser decisiva á hora de tomar partido e frear situacións de violencia e discriminación por razón de sexo”.
Estes novos libros súmanse aos das maletas que xa pasaron por Viveiro, Sarria, Quiroga, Meira, Vilalba e Trabada, así como ás dos centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso. Son tres as maletas que están a percorrer a provincia actualmente co material para traballar sobre esta temática e que seguen a misión de ofrecer unha nova mirada ante un problema que afecta e interpela a toda a sociedade.
MAVI
A maleta conta con once libros de literatura infantil e xuvenil para que poidan formar parte do proxecto persoas de todas as idades, incluíndo un diario onde poden expresar as súas reflexións e opinións sobre os contidos e as experiencias que tiveron a través da lectura.
Entre as obras que están na maleta atópanse os títulos “¿Hay algo más aburrido que ser una princesa rosa?” de Raquel Díaz Reguera; “La cenicienta que no quería comer perdices” de Nunila López y Myriam Cameros; “Todos deberíamos ser feministas” de Chimamanda Ngozy; “Las chicas son guerreras: 26 rebeldes que cambiaron el mundo” de Irene Cívico y Sergio Parra; “Mi marido me pega lo normal” de Miguel Lorente; “Infamia” de Ledicia Costas; “Amelia, historia de una lucha” de Amelia Tiganus; “Cansadas” de Nuria Varela; “Aqueles días en que eramos malas” de Inma López Silva; “Rosalía feminista” de Helena González; e “As miñas fillas devolvéronme a vida. Unha historia real” de Inés Fernández Lamela.