Maximus tamén desfrutou do alumeado de Nadal de Lugo

LugoXa
Maximus, Rubén Arroxo, Efrén Castro y Maite Ferreiro disfrutaron del alumbrado de Navidad de Lugo en el día de ayer.
Vista Maximus alumeado Nadal
29 Dec 2021

A rapazada de Lugo desfrutou na tarde de onte da presenza de Maximus na rúa. A mascota breoganista percorreu a contorna da Praza Maior saudando e facendo fotografías canda os nenos e nenas que se achegaban, dando unha mostra máis da onda de agarimo que o león celeste esperta entre os afeccionados e afeccionadas.

Coa localización da actividade, desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Tenencia de Alcaldía procura a visibilización e posta en valor do patrimonio da cidade e tamén promover o desfrute de tempos e espazos ao aire libre durante estas datas festivas. No acto participaron a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, e o deputado de Deportes, Efrén Castro, así como o tenente alcalde, Rubén Arroxo, que convidaron á veciñanza a aproveitar as distintas actividades organizadas para estas datas como o Mercado de Nadal ou os concertos de corais e tamén das rúas e prazas ornamentadas da cidade.

Unha árbore de 20 metros e diversas figuras que poden ser utilizadas como photocall son algúns dos elementos luminosos que ornamentan a Praza Maior, como parte dun alumeado que se estende por 69 rúas e prazas cun total de 186 arcos e 586 figuras e decoracións luminosas en distintos puntos da cidade.

A iniciativa desenvolveuse no marco do acordo de patrocinio co que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia ao CB Breogán e que inclúe, entre outras accións, a participación do club en iniciativas dirixidas ao fomento do deporte e dos hábitos saudables, con visitas a centros educativos e clubs de base e amateur; a visibilización de accíons e servizos desenvolvidos por entidades do ámbito social e tamén a posta en valor de recursos e espazos culturais, patrimoniais e ambientais.

0.31619215011597