Mayra García Bermúdez formalizou a súa renuncia como deputada provincial

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
No próximo Pleno tomará posesión como deputada Carmela López, alcaldesa de Burela.
mayra garcia bermudez pleno deputacion
12 Jan 2024

No próximo Pleno tomará posesión como deputada Carmela López, alcaldesa de Burela.

Mayra García Bermúdez formalizou este venres no Pleno a renuncia como deputada provincial para concorrer ás eleccións ao Parlamento de Galicia, subliñando o seu firme compromiso de “seguir defendendo e traballando por e para esta provincia”. “Foi unha honra e un privilexio poder formar parte desta Corporación durante estes preto de oito anos e facelo dende o Goberno, pois nel recae a capacidade de xestión do público e é onde verdadeiramente temos a capacidade de mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas”, subliñou.

Mayra García tivo palabras de agradecemento para “os tres presidentes socialistas que confiaron en min, José Ramón Gómez Besteiro, Darío Campos e José Tomé”, para os compañeiros de grupo e en xeral da Corporación, e para o persoal “desta magnífica institución”, cos que “fomos capaces de acadar tantos logros para a provincia”.

Destacou neste sentido o modelo público de atención aos maiores que a Deputación, en colaboración co concellos, deseñou e implantou nas residencias, “un modelo de proximidade e centrado na persoa, co que se pretende que os maiores manteñan o vínculo co lugar onde viven, cos seus familiares, amigos e veciños, e cun sistema progresivo e redistributivo no pago do custe do servizo para que poidan acceder con independencia do seu poder adquisitivo”. “Continuamos con este proxecto que arrancaba no 2010 con José Ramón Gómez Besteiro”, dando “un paso decisivo para dar resposta ás necesidades dos nosos maiores, contribuíndo a fixar poboación, un dos maiores retos aos que se enfronta o rural, e a reactivar a economía local e comarcal”.

Así mesmo, tivo un recordo para “as mulleres que me precederon, que criaron e coidaron das súas familias, que sen estudar deron estudos ás súas fillas, porque, se hoxe podemos ocupar os espazos de maneira máis visible é grazas a elas”. “A loita pola igualdade é imparable”, remarcou.

O presidente da Deputación afirmou que hoxe “é un día que ten un dobre sentimento, por un lado un sentimento de alegría porque Mayra vai empezar unha nova etapa concorrendo ás eleccións autonómicas, e triste porque nos deixa unha deputada con criterio, que sabe defender as súas ideas”. “É unha muller que eu vin nacer na política e alégrame moito ver como creceu como persoa e politicamente, e sobre todo, ver o percorrido que lle queda, polo tanto unha alegría ver que pode seguir medrando porque ten capacidade para iso, e triste porque nos abandona unha estupenda deputada”.

No próximo Pleno tomará posesión como deputada Carmela López, alcaldesa de Burela.

0.1232590675354