Medio Ambiente incorpora un novo tractor
Os traballos de roza nas parcelas municipais contarán dende hoxe, engadido ao dispositivo habitual que o servizo de limpeza desenvolve durante todo o ano, co reforzo dun novo tractor que complementará ás brigadas actuais.
“A nova incorporación obedece ás melloras previstas no novo contrato de limpeza viaria en canto a dotacións pero tamén no incremento das tarefas a desenvolver. De xeito que os técnicos municipais acordaron xa coa empresa adxudicataria a planificación destes labores que esta mesma mañá comezaban na contorna da Avenida de Magoi, Augas Férreas e Acea de Olga”, sinalou o concelleiro de Medio Ambiente.
O responsable de Medio Ambiente indicou tamén que, nos vindeiros días este operativo se desprazará a outros puntos da cidade para atendela ao completo “procurando que a zona urbana estea sempre en perfecto estado de ornato e conservación”.
Do mesmo xeito, Miguel Fernández, lembrou que o Concello efectúa un mantemento permanente, de luns a sábado, sobre as zonas verdes e os espazos que son da súa titularidade para ter baixo control a vexetación, “tarefas que se repiten varias veces nas mesmas contornas durante o ano, segundo as condicións climatolóxicas, e entre as que procuramos dar cobertura tamén ás demandas que, a través do departamento de Medio Ambiente, nos fai chegar a cidadanía”, concluíu o concelleiro.