Medio cento de colectivos súmanse á iniciativa para que Lugo sexa Capital Gastronómica en 2022
Medio cento de colectivos veciñais, empresariais e do sector agroalimentario e da hostalería, amosaron o seu apoio á iniciativa do Partido Popular para que Lugo presente a súa candidatura a Capital Gastronómica de España en 2022.
O PP considera que agora é o goberno bipartito da cidade quen ten que "mover ficha", polo que anuncian que presentarán no vindeiro pleno municipal, que se vai celebrar esta semana, unha iniciativa para que o Concello se pronuncie formalmente en relación a este asunto.
"Para nós é moi significativo que este proxecto reciba tantos apoios", explica o voceiro dos populares, Ramón Carballo, "ser capital gastronómica suporía un grande estímulo para a economía local, así como para a promoción turística da cidade, fundamental nestes tempos de covid, nos que o turismo gastronómico é unha das alternativas ao turismo de masificación".
O PP confía en que PSOE e BNG aposten por este proxecto "para divulgar a autenticidade, sostenibilidade e variedade da nosa cociña" e suxire ao bipartito “que os cartos das multas por incumprimento das medidas covid se destinen a este proxecto que será clave para impulsar a economía local e beneficiará ao pequeno comercio, hostelería e aos productores locais".
Entre os colectivos que amosaron xa o seu respaldo á iniciativa están a Federación Provincial de Asociacións de Veciños de Lugo, a Asociación de mulleres autónomas, a Asociación de novos empresarios, a Asociación provincial de hostalería, a Asociación de fabricantes de pan, a Asociación provincial de cociñeiros, a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago, ademais de varias denominacións de orixe e empresas vencelladas ao sector agroalimentario.