Medio cento de usuarios usan xa a pista de pádel de Portomarín
Portomarín vén de sumar ás súas instalacións deportivas unha pista de pádel, na que se investiron 25.000 euros. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, acompañado polo tenente alcalde do municipio, Pablo Rivas, comprobou hoxe o resultado dos traballos de construción desta dotación, dos que a Secretaría Xeral para o Deporte financiou o 80% do orzamento.
"O obxectivo é que todos os veciños e veciñas teñan a opción de utilizar instalacións de calidade, con independencia do seu lugar de residencia", explicou Arias, quen engadiu que coa nova dotación “impulsamos o deporte de base, ademais de beneficiar ao conxunto da cidadanía e promover un estilo de vida saudable”.
A pista de pádel era unha das dotacións máis demandadas en Portomarín. Construída a finais do pasado ano, conta xa cun grupo estable de medio cento de usuarios habituais. É unha pista regulamentaria situada ao aire libre e dispón de iluminación LED para prolongar as horas de uso.
O delegado territorial subliñou que a Secretaría Xeral para o Deporte apoia a creación e mellora de infraestruturas deportivas para “satisfacer a crecente demanda social existente, especialmente en determinadas modalidades que presentan un maior interese”.