Medio milleiro de extraballadores da telefonía de todo España reúnense nunha xuntanza en Lugo
A xuntanza de traballadoras e traballadores de Telefónica, organizada asociación Sénior de Telefónica de Lugo, reuniu a medio milleiro de antigas traballadoras e traballadores da empresa de todo o estado. Esta xuntanza enmárcase dentro das actividades organizadas polo 100 aniversario da empresa de telecomunicacións, actividades que comezaron o pasado venres 19 de abril, coa inauguración dunha exposición sobre a historia da telefonía no Vello Cárcere.
O tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo acompañado polo edil de Infraestruturas Alexandre Penas, asistiron á xuntanza que se suma á mostra inaugurada que conta cunha selección de dispositivos fixos e móbiles. A selección, que poderá visitarse ata o vindeiro 3 de maio, céntrase tamén no avance no cableado e nas centrais telefónicas neste século, e complétase cunha mostra de fotografías de Lugo mostrando tamén o avance da cidade nos últimos 100 anos.
A Deputación de Lugo colabora co ASTELU na celebración da xuntanza. O deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, deu a benvida aos asistentes e destacou o apoio da institución provincial, que achega 3.000 euros para a organización deste encontro. “A grandeza das compañías, das empresas, non se miden tanto polo seu tamaño como pola súa capacidade de xerar lazos de pertenza”, afirmou Miguel Fernández.
Neste senso, trasladou aos presentes que “eles son a mellor testemuña do significado de Telefónica na historia de España, porque están a reivindicar esta pertenza como algo valioso, no terreo persoal, empresarial e sociocultural”. A xuntanza clausurouse cun xantar de irmandade entre os participantes, e contou con actuacións teatrais e musicais.