Medio Rural adxudica por 206.000€ a mellora de estradas en Ribas de Miño, Lamas, Sta. Cristina de San Román e Piñeiro
A área de Medio Rural, que dirixe o tenente de alcaldesa Miguel Fernández, mellorá o firme de varias vías municipais.
En concreto, trátase dos accesos á parroquia de Ribas de Miño, partindo da pista de Argonde e atravesando o lugar de Vilachá, onde a obra alcanzará, neste caso, non só á estrada principal senón tamén os camiños que conducen ás vivendas e á Igrexa.
“Destes traballos, encargarase a empresa Grupo Bascuas que disporá dun orzamento de 59.362€ e dun prazo de 2 meses para executalos”, explicou o edil.
Miguel Fernández sinalou que, por outra banda, a Xunta de Goberno vén de adxudicar a Cholo S.L a contratación de labores similares na pista de Teicelle e da Ferrería (nos lugares de Teicelle e O Caínzo; parroquia de Lamas), por importe de 25.434 euros e tamén na estrada que atravesa o Lugar de Piñeiro (en San Martiño de Piñeiro) e na CP-2402 - no Lugar do Val - até as proximidades da CP-1611 en Santa Cristina de San Román por valor de 15.726 € e 105.999 € , respectivamente, con cargo ao Plan Único da Deputación Provincial.
Obras coas que o Executivo de Lara Méndez “pretende materializar o compromiso adquirido coa veciñanza da zona rural de ir mellorando progresivamente as infraestruturas municipais, atendendo todas aquelas demandas que nos fan chegar”, sinalou o concelleiro de Medio Rural.
O tenente de alcaldesa explicou que as tarefas previstas incluirán a limpeza de cunetas para facilitar a circulación das augas e a adaptación dos rexistros existentes ás novas rasantes, así como a reposición do firme con aglomerado en quente, “xa que son vías moi transitadas e que, debido á súa antigüidade, se atopan nunha situación que esixe á súa rehabilitanción”, referiu o edil.
Fernández aproveitou, así mesmo, para anunciar a licitación do mantemento do camiño entre Calde e O Burgo, cuxo proxecto foi autorizado na sesión desta mañá. Neste caso, o Concello, destinará 125.225 euros.
“Unha intervención que se realiza para mellorar a seguridade viaria e dar resposta así ás peticións que nos fixeron chegar as persoas residentes na zona”, concluíu o responsable da área.