Medio Rural destaca a relevancia da apicultura na biodiversidade en Baleira

LugoXa
A titular de Medio Rural lembrou que o seu departamento puxo en marcha as axudas destinadas ao sector apícola para este 2025
ConseMR-Explotacion-Apicola-Baleira
24 Jan 2025
María José Gómez, conselleira do Medio Rural na Xunta de Galicia, salientou a importancia do sector apícola como elemento clave para a conservación da biodiversidade en Galicia durante unha visita á explotación apícola Mel Casa Miranda, en Baleira.

Neste contexto, a titular de Medio Rural lembrou que o seu departamento, a través da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, puxo en marcha as axudas destinadas ao sector apícola para este 2025, cunha partida orzamentaria de 1,4 millóns de euros.

Estas achegas, explicou María José Gómez, teñen como obxectivo reforzar o impacto positivo da apicultura na biodiversidade e promover a súa modernización.

Apoio á innovación e á competitividade

A iniciativa busca fomentar a transferencia de coñecementos, impulsar a dixitalización e incentivar a innovación no sector. Ademais, pretende mellorar a competitividade e a orientación ao mercado das explotacións apícolas galegas.

Segundo indicou a conselleira, estas axudas están dirixidas tanto ás persoas titulares de explotacións individuais como ás asociacións de apicultores. O prazo para solicitar estas subvencións estará aberto ata o vindeiro 20 de febreiro.

Entre as actividades que poderán recibir financiamento inclúense os servizos de asesoramento e asistencia técnica, os investimentos para combater enfermidades e pragas nas colmeas, a adquisición de equipos de envasado e etiquetado, así como ferramentas tecnolóxicas para a monitorización das colmeas, entre outras.

0.16864395141602