Medio Rural e a Facultade de Veterinaria reforzan a súa colaboración
A Consellería do Medio Rural e a facultade de Veterinaria da USC intensificarán a súa colaboración mutua en materia de formación, tanto dos alumnos dos centros dependentes da Consellería como dos da facultade situada no campus de Lugo. O reforzo desta cooperación foi abordado esta mañá pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e polo decano deste centro universitario, Gonzalo Fernández, nas propias instalacións da facultade.
Deste xeito, a titular da Consellería cualificou esta colaboración como “necesaria” e valorou a “relación íntima que xa existe” entre centros propios como o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude (Boqueixón) e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) coa citada facultade, unha relación que se seguirá ampliando.
Ambas partes afondarán no desenvolvemento de novas accións formativas para os seus respectivos alumnos, ampliando así o convenio existente de cooperación educativa subscrito entre a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería, e as tres universidades galegas. En virtude deste acordo, as partes asinantes acordaron establecer un programa para a realización de prácticas, tanto curriculares como extracurriculares, no caso do alumnado de mestrado.
A maiores, e dentro deste marco desta colaboración institucional, un total de 64 estudantes de 2º curso de Gandaría e asistencia en sanidade animal do CFEA de Sergude realizaron xa formación práctica no Hospital Veterinario Universitario Rof Codina, dependente da USC e situado no campus de Lugo. Esta iniciativa lévase realizando nos últimos tres cursos académicos. Asemade, estudantes da facultade de Veterinaria poden recibir formación por parte do persoal do CIAM, adscrito á Consellería. Neste sentido xa existen colaboracións formativas entre ambas entidades como a do Máster de Produción de Leite.