Medio Rural mellora máis de 2 km de pistas forestais en Labio e acomete traballos en Becerreá

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou a parroquia de Labio, no concello de Lugo, para supervisar as obras de mellora en algo máis de dous quilómetros de pistas forestais, xunto coa construción dun paso de auga e dun paso inundable. Estas actuacións forman parte do proxecto de infraestrutura preventiva do Distrito Forestal IX Lugo-Sarria, financiado con fondos Feader e ao abeiro do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027.
Durante a súa intervención, Gómez destacou que neste 2025 a Xunta destina 50,5 millóns de euros á prevención de incendios, o que supón un incremento do 35 % respecto de hai unha década. Estes recursos permiten impulsar accións en todo o territorio, como a xestión de biomasa en áreas estratéxicas, a creación e mellora de devasas, puntos de auga ou pistas forestais.
Posteriormente, a conselleira desprazouse ata Becerreá, onde o Distrito Forestal VII A Fonsagrada-Os Ancares levou a cabo labores de roza en preto de 290 quilómetros de pistas forestais. Tamén se realizaron traballos con buldócer en máis de 30 quilómetros de cortalumes, co fin de mellorar a conservación das infraestruturas e reforzar a súa eficacia.
Gómez subliñou que a prevención “é unha prioridade para o Goberno autonómico” e puxo como exemplo o convenio coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que permite apoiar a concellos e propietarios na xestión da biomasa en faixas secundarias a través da empresa pública Seaga. Ademais, lembrou que existen outras ferramentas orientadas á prevención, como os polígonos agroforestais ou as permutas, destinadas a recuperar terras con potencial produtivo, así como os pasteiros, que favorecen a gandaría extensiva e actúan como cortalumes naturais grazas a unha biomasa controlada.