Melendi súmase ao cartel do Caudal Fest 2025

Melendi, un dos artistas en castelán máis exitosos do século XXI tanto en España como en toda América Latina, estará presente como cabeza de cartel no Caudal Fest 2025.
O asturiano únese á cita coa música en directo na contorna fluvial do río Miño xunto a outros grandes nomes xa confirmados como Love Of Lesbian, Dani Fernández, Carolina Durante ou Duncan Dhu.
Coa incorporación do cantante asturiano, o Caudal Fest confía en superar as máis de 40.000 persoas que asistiron á súa última edición, consolidándose de novo como o terceiro festival máis importante da comunidade.
Melendi é un dos artistas máis exitosos e demandados non só en Galicia senón en toda España. O ovetense ofrecerá un concerto cheo de grandes éxitos que levan soando nas ondas de todo o país ao longo do presente século.
O Caudal Fest 2025 terá lugar os días 19 e 20 de setembro na contorna fluvial do río Miño. “Esta cita é moito máis que música, é unha oportunidade única para posicionar Lugo como un referente cultural e turístico non só en Galicia, senón en todo o país”, lembrou a rexedora de Lugo, Paula Alvarellos, quen engadiu así mesmo que “cada edición do Caudal Fest supón unha oportunidade única para dinamizar a economía local, pois hostaleiros, comerciantes e múltiples sectores da cidade benefícianse da chegada de miles de visitantes que enchen Lugo de vida durante as datas de celebración do evento”.
Despois de bater todos os récords na edición de 2024, Caudal Fest espera superarse novamente e seguir sendo un dos festivais máis importantes do norte de España. O Concello de Lugo continuará a ser, como dende a primeira edición, o principal promotor público do festival e Estrella Galicia o principal patrocinador privado do evento.