Mellora a traída de auga en Castro de Rei, onde xa se empeza a consumir

LugoXa | TerraChaXa
O BNG reclamou solucións inmediatas para o problema da turbidez, "porque non se ten garantía no subministro cada vez que chove"
etap-de-quintela
30 Jan 2025

O alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, avanzou que xa remitiu a situación que se viviu nestes días no servizo de auga da traída, cando as  inundacións afectaron as instalacións municipais de bombeo de auga, polo que a auga da traída presentaba unha elevada turbidez e non era apta para o consumo directo.

Esta situación foi consecuencia da borrasca Herminia, que provocou o desbordamento dos ríos Azúmara e Miño. "A auga xa leva perdida moita turbidez e xa se está usando para o consumo", explicou o alcalde, que tamén indicou que o asolagamento está baixando e eso repercute na calidade da auga.

Co obxectivo de garantir o acceso á auga potable, o Concello activou un servizo de subministración alternativa dirixido aos fogares que dependen exclusivamente da traída municipal, especialmente nas zonas urbanas do municipio.

REACCIÓN DO BNG

Desde o BNG de Castro de Rei denuncian a "grave situación" que está a afectar o servizo de abastecemento de auga en Castro de Rei. "Actualmente, as bombas de captación de auga están completamente inundadas, o que non só interrompe o subministro, senón que fai que a pouca auga que chega ás vivendas non sexa apta para o uso, nin sequera para a ducha", dixo.

“Esta situación é inadmisible e afecta de maneira directa á vida diaria de moitos veciños e veciñas” denuncia Olga Castro concelleira nacionalista que esixe "unha resposta inmediata por parte do Concello para garantir que o acceso á auga, un servizo básico e esencial, sexa restablecido canto antes".

Dende o BNG lembran que presentaron unha emenda aos orzamentos da Xunta para mellorar o sistema de captación, mais esta foi rexeitada polo goberno autonómico. "A falta de investimentos por parte da Xunta e a inacción do Concello están a condenar á veciñanza a convivir cun problema sanitario e ambiental que require unha solución urxente", sinalou a concelleira nacionalista.

Por iso o BNG de Castro de Rei vai presentar as seguintes iniciativas para o vindeiro pleno: Solucións urxentes: Actuacións inmediatas para reparar as bombas de captación e asegurar o correcto funcionamento do sistema de abastecemento. Garantías de calidade: Que se leve a cabo unha análise da calidade da auga para garantir que, unha vez restablecido o servizo, esta sexa apta para o consumo humano e outras actividades domésticas. Prevención a longo prazo: Un plan de mellora e modernización das infraestruturas hidráulicas para evitar que situacións como esta volvan a repetirse no futuro.

“A cidadanía non pode ser vítima da inacción ou da falta de previsión. A auga é un dereito básico e debe ser tratado como tal. Desde o BNG seguiremos fiscalizando a xestión municipal e reclamando solucións reais e efectivas para o benestar da veciñanza”, conclúe García.

0.17212700843811