Mellora de espazos urbanos, obras de peonalización e iniciativas artísticas: os últimos proxectos na Milagrosa

LugoXa
O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, mantiveron unha xuntanza con representantes da asociación SOS Milagrosa.
sos_milagrosa_arroxo
26 Feb 2024

O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, mantiveron unha xuntanza con representantes da asociación SOS Milagrosa. Durante a xuntanza, Arroxo escoitou as demandas deste colectivo, e deulles información sobre os proxectos máis inmediatos que está a desenvolver a área de Mobilidade e Infraestruturas na zona.

O tenente alcalde valorou positivamente esta xuntanza "que nos permite coñecer de primeira man e cun ton cordial as propostas das veciñas e veciños da Milagrosa". Nos últimos anos desde a área de Mobilidade e Infraestruturas avanzaron “na mellora de todos os barrios da cidade, tamén na Milagrosa, con actuacións importantes no calmado de tráfico e na mellora de espazos urbanos, e tamén con iniciativas artísticas como o mural da rúa Mar Cantábrico". Arroxo e Penas mostraron ás veciñas e veciños "o traballo avanzado na peonalización da rúa Milagrosa, un dos principais proxectos do orzamento deste ano na mellora dos espazos públicos da cidade e que permitirá continuar a traballar na comunicación peonil entre o centro e a zona norte".

O tenente alcalde lembrou a importancia de que a veciñanza faga chegar as súas peticións ás distintas áreas do Goberno municipal, xa que “saben de primeira man as necesidades da súa zona", explicou Rubén Arroxo, que engadiu "moitas veces trátanse de pequenos arranxos, que a brigada municipal de obras trata de resolver no menor tempo posíbel para garantir o bo estado da cidade".

0.11775398254395