Melloran a accesibilidade do Pazo dos Deportes de Lugo

LugoXa
A Vicepresidencia da Deputación moderniza a rede de abastecemento de auga e mellora a accesibilidade no exterior
pazo-dos-deportes-lugo
19 Ago 2024

A área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo moderniza a rede de abastecemento de auga do Pazo Provincial dos Deportes e leva a cabo a instalación de catro bocas hidráulicas para incendios. Isto permitirá tamén instalar unha válvula de regulación da presión da auga no interior da instalación deportiva, asegurando así un bo mantemento das tubaxes.

Ao mesmo tempo, as obras permiten mellorar a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida. Neste caso estase a mellorar o aparcadoiro e creando prazas reservadas con este fin, ademais realízanse rebaixes de beirarrúas en diversos puntos como as paradas de autobús. Levarase a cabo tamén o acondicionamento das zonas deterioradas no acceso ao Pazo.

Estes traballos que agora se levan a cabo súmanse aos xa realizados e previstos pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo nos últimos meses, como  a limpeza e rehabilitación das fachadas, a renovación das bancadas da metade inferior, a mellora da eficiencia enerxética coa substitución das luminarias antigas por outras de tecnoloxía LED ou as intervención nos canlóns e baixantes para paliar os problemas de pingueiras e filtracións.

Ademais, vense de anunciar as xestións que están a realizar os servizos técnicos da Deputación de Lugo para determinar a viabilidade de instalar un videomarcador e un novo equipamento de son. O Pazo Provincial de Deportes foi inaugurado en 1992, ano dende o que funciona ininterrompidamente, sen que se lle teñan feito máis que pequenas obras de reparación, mantemento ou pequenas modificacións da distribución interior. Trátase dun edificio de planta rectangular de 87,50 metros de longo por 69,50 metros de largo e unha altura de 14 metros.

0.19708609580994