Melloran a accesiblidade do Cemiterio de Lugo
A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, lembrou que o Cemiterio Municipal conta con distintas solucións de mobilidade para as persoas con mobilidade reducida. López afirmou que, xunto con distintos accesos adaptados, o Cemiteiro conta cunha serie de cadeiras de rodas "para facilitar a mobilidade ás persoas que non poden camiñar longas distancias".
As persoas interesadas en utilizar as cadeiras de rodas do Cemiterio Municipal, só terán que solicitalas ao persoal á entrada nas instalacións, e devolvelas á saída da súa visita. Cristina López, afirmou que "seguimos a traballar para garantir a accesibilidade de todas as persoas que visiten o Cemiterio Municipal, tanto para visitar aos seus familiares como para achegarse ás distintas actividades ou ao espazo expositivo Memoria Viva do Cemiterio Municipal".
A exposición é unha clara aposta “pola recuperación da memoria histórica da cidade a través dunha mirada que visibilice as prácticas funerarias, desde a época romana ata a actualidade", e engadiu que supón tamén “recuperar a imaxe do antigo Cemiterio Xeral de Magoi, cuxa clausura e derribo supuxo unha lagoa importante na memoria colectiva".
O Goberno de Lugo continúa a facer importantes esforzos para a mellora do Cemiterio, como a renovación da porta automática no acceso lateral, comunicando coa zona nova do Cemiterio, onde nos últimos anos se realizou unha ampliación para garantir a dispoñibilidade de espazo. Con esta mellora, a Tenencia de Alcaldía continúa a mellora das instalacións do Cemiterio Municipal.
A edil de Participación animou a toda a veciñanza a visitar o Cemiterio de San Froilán, e a desfrutar "das distintas actividades que se organizan desde o Goberno de Lugo, como as visitas nocturnas ou as distintas actividades culturais organizadas durante todo o ano, que fixeron que o cemiterio de Lugo fose incluído na Ruta de Cemiterios Históricos Europeos e gañase o recoñecemento de National Geographic como un dos cemiterios máis bonitos do mundo".