Melloran a cobertura móbil en catro parroquias de Lugo

LugoXa
Cohesión Territorial dá o paso definitivo para mellorar a cobertura móbil en San Pedro de Mera, Poutomillos, Bacurín e Santa. Eulalia de Bóveda
Xunta-de-Goberno-Local-lugo
14 Aug 2024

O Executivo de Paula Alvarellos deu o paso definitivo para mellorar a cobertura móbil nalgunhas das parroquias da zona rural, coa aprobación dunha addenda de modificación do convenio entre a Federación Galega de Municipios e Provincias, Fegamp, e a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia, Amtega, ao que se adheriu o Concello de Lugo. En concreto, a primeira actuación suporá a instalación dunha torre en San Pedro de Mera, que dará servizo ás zonas escuras de varias parroquias, como Poutomillos, Bacurín e Santa Eulalia de Bóveda.

A área de Cohesión Territorial puxo a disposición da Amtega os terreos nos que se instalará a torre, que estará situada en San Pedro de Mera, mentres que a edil responsable desta área, Ana González Abelleira, xa ten avanzadas as negociacións para determinar os predios nos que se poderán instalar as outras dúas torres, coas que se quere garantir tamén a cobertura móbil noutras zonas do leste do municipio, que afectan ás parroquias de Gondar, Carballido, Romean e Bascuas, así como outros núcleos ao oeste da cidade como Santa María Alta, Piñeiro, Outeiro, Camoira, Adai, Torible ou Vilachá de Mera, entre outras.

Para González Abelleira “coa execución deste convenio imos dar resposta ás demandas da veciñanza destas parroquias do medio rural, xa que a falta de comunicacións e dos servizos de voz e datos nas redes móbiles está a causarlles moitos problemas, que lles afectan tanto aos residentes das vivendas rústicas como aos traballadores das ganderías existentes nesta zona”.

A addenda de modificación do convenio aprobada esta mañá establece que o Concello de Lugo terá que colaborar no financiamento da execución das acometidas eléctricas ás infraestruturas públicas de soporte ás redes de comunicación móbiles se o custo económico é superior ao orzamento establecido inicialmente que financiará a Amtega e que se fixa en 30.000 euros por acometida.

Polo tanto o Concello de Lugo aportará a parte que exceda desa contía, fará entrega dos terreos para a instalación das torres e porá a disposición os medios materiais que permitan o acceso ás parcelas, traballos que desempeñarán desde o Parque Móbil e desde a Brigada de Obras do Rural. Tamén é función do Concello de Lugo colaborar na execución das acometidas eléctricas, de cara a minimizar os custos, e facilitar a consecución dos permisos precisos para contratar unha potencia que garanta a prestación

No caso do espazo que ocupará a primeira das torres, instalada en San Pedro de Mera, trátase dunha parcela municipal de 81 metros cadrados, cedida á Xunta de Galicia a custo cero, e por un período de 15 anos, condicionada a un uso efectivo da mesma nun prazo máximo de tres anos, desde a formalización de dita cesión. Esta actuación responde ademais a un dos obxectivos do Goberno local, que pasa por “mellorar a calidade de vida dos habitantes desta área, que abrangue o 20% da superficie do municipio, como unha medida máis que contribúa a fixar poboación nestes núcleos ao tempo que se posibilita a implantación de novas explotacións ou empresas no rural”, explica a concelleira de Cohesión Territorial.

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18394708633423