Melloran a imaxe da Tinería coa eliminación do valado que linda co adarve da Muralla
O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) acometerá o acondicionamento das parcelas da súa propiedade situadas entre a rúa dos Fornos e Recanto do Miño, comezando por eliminar os elementos instalados durante a campaña de escavacións arqueolóxicas que provocan impacto visual sobre a Muralla. A Xunta recolle así a petición da asociación Lugo Monumental para abordar a mellora estética da zona, á espera de que o desenvolvemento urbanístico da Unidade de Intervención 7 permita determinar o seu uso.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, expuxo as actuacións proxectadas nunha xuntanza co presidente da entidade, Luis Latorre; o xefe do Departamento Territorial de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Marco Antonio Fernández, e a portavoz do grupo municipal do PP no Concello de Lugo, Elena Candia. Estanse tramitando os permisos da primeira intervención, que será inmediata e consistirá na substitución do peche de lamas de madeira situado xunto ao adarve por unha varanda metálica máis baixa, integrada e permeable.
Manterá o deseño e materiais doutras xa existentes, como a das escaleiras do cubo XVIII, e permitirá a visión do entorno desde o monumento. En concreto, instalarase unha varanda de 100 centímetros de altura, a base de redondos de aceiro galvanizado separados cada 10 centímetros, con pintura efecto forxa de acabado en negro. Ao mesmo tempo, vanse desmontar dous postes metálicos situados nunha das parcelas. Nunha segunda fase, previsiblemente no outono, substituirase o valado de chapa galvanizada que delimita todo o perímetro por outro de madeira.
Por último, reforzarase a protección dos restos arqueolóxicos cambiando a lona xeotéxtil que os protexe e realizarase un aporte vexetal para regularizar o terreo. Javier Arias explicou que se trata de “actuacións provisionais que perseguen un resultado estético acorde co contorno, dado que non se pode deseñar un proxecto definitivo en tanto non se produza o desenvolvemento urbanístico desta área”. Pola súa banda, Luis Latorre valorou positivamente que se actúe “nun punto icónico de Lugo, desde o que se ve a Catedral, a Tinería e a Muralla, por iso nos diriximos á Xunta para que arranxara este espazo”.